BIZARROS

Antes bizarros eran os militares, sobre todo nas notas de sociedade. Co tempo o adxectivo iría collendo maneiras moi diferentes a partir do inglés “bizarre”. Que equivale a charramangueiro, chabacano, charro. Xa que logo certas actitudes, á hora de vestir, de facer o amor, de cantar, poden ser consideradas “bizarre” ou bizarras na acepción celtibérica. Eu teño un disco (Nico Vidal, con quen colegueo en moitas cousas, é tamén o seu feliz propietario) chamado “Spanish Bizarre”.

Nunha das súas fotografías un nacho pon banderillas desde unha moto con “sidecar”. O resto xa o poden imaxinar. Desde os Hermanos Calatrava (¿quen era o guapo?) cantando “Space Oddity” a El Príncipe Gitano facendo o propio con “In the Ghetto” (¡en inglés!) ou Fernando Fernán Gómez recitando, con fondo sonoro, “Aún vivo para el amor”.

Lembreime o outro día destas e outras bizarrías porque Andrea deu en preguntarme que cousa era bizarro, a conto dunha “performance” de comida bizarra que fan en Madrid. A base de “comistrajos”: cristas de galo, “obispillos”, “zarajos”, “gallinejas” e bótalle fío ao papaventos da mondonguería fina.

Eu de todas estas interioridades soamente podo coas tripas. Tan gustosas as de “El Sur”, en Ferrol. Na casa non maís as tomabamos miña nai e máis eu. E Brian Hughes, que veu un día comelas con nós e esmendre-llounas botándolles “curry”, con grande cabreo da cociñeira, Fe Franco Guerreiro, de Ourol (Lugo). Nada bizarra ela.

 

BIZARROS

Te puede interesar