Para o querido compadre Fandiño, que foi moi gaioleiro
Na tarde do venres asistín gozoso ó acto sobre o pintor Xaime Quessada que tivo lugar no centro cultural Torrente Ballester. Bonito acto. Entrañable, diría. Aínda que non agardaba outra cousa, confeso que saín encantado. Coñezo a José Gómez Alén, vicepresidente da Fundación Quessada, desde hai case corenta anos. Foi en Ferrol, nos días da semana santa de 1968. Convidárao Bernardo Maiz a pasar uns días desas ferias relixiosas na súa casa, para escándalo da mai, xa que o rapaz se declaraba ateo e non se coidaba nada en ocultalo, cousa pouco habitual naquela España ultra nacional-católica. Logo trataríao bastante en Compostela, sen ir máis lonxe porque estudabamos na mesma Facultade, a de Filosofía e Letras. Antonte, despois da mesa redonda, acordábame da tarde noite dun día de outubro, ó pouco de comezar o curso 68-69, cando ó acabarmos unha asemblea, ilegal, por suposto, descubrimos que na única porta que tiñamos de saída estaba agardándonos a policía toda, a secreta e a uniformada de gris. Dirixidos polo inquieto Alén, demos con que estaba sen cerrar con chave a porta dunha aula da Facultade de Dereito, xa que aínda estaban as limpadoras nela. Era na planta baixa e as xanelas daban a ó lateral do edificio que dá ó mercado de abastos, o que impedía que puidesen vernos os policías. E por alí, a toda présa, conseguimos fuxir. Tal cal. Tamén me viñeron á mente as charlas que sobre os Beatles -daquela aínda activos como grupo- nos impartía no soto da mítica cafetería Gayola -así grafado na altura- local hostaleiro que tamén lembrou Álvarez Areces no acto sobre Quessada do Torrente. Daquela a hoxe coincidimos, por variados motivos, en diferentes lugares, cemiterios incluídos. A Darío Villanueva coñecino, así mesmo, por aqueles días compostelanos. Tamén estudaba na Facultade e, aínda que apenas tivésemos trato directo, si tiñamos amigos e amigas comúns. Logo, por diversos motivos, nomeadamente profisionais, tivemos abondas relacións e é persoa á que estimo e admiro. Moi brillante e moi capaz. Obsequiounos coa lectura dun excelente traballo de reflexión e análise da obra de Xaime Quessada, particularmente a narrativa, inexplicablemente pouco coñecida. Por min mesmo, que recoñezo que só lle lin Lucenza. Polo que lle escoitamos a Darío, será cuestión de pensar en achegarse ás outras obras. Unha ledicia escoitar ó director da Real Academia Española. Co senador Álvarez Areces nunca tiven trato. Coñecino de nome mesmo antes de chegar eu a Santiago. Aparecía nos xornais cando había sancións ou detencións estudiantís. Cando aparecín por Compostela xa el impartía clase no Luís Vives de Pontedeume, xunto con profesores e profesoras coas que máis tarde tiven bastante relación. Logo seguino pola súa carreira política e coincidín con el nunhas cantas actividades, case sempre homenaxes a amigos comúns. Relatounos historias da súa relación con Quessada para min descoñecidas. Na súa voz volveron soar, máis unha vez, aquelas palabras que Quessada adoitaba pronunciar: nacera o 14 de xullo de 1937, o día do aniversario da toma da Bastilla e o ano en que Picasso pintou o seu Guernica. Iso si o coñecía, de terllo escoitado ó excelso artista. Como é sabido, esta mesa celebrada no Torrente, unha auténtica festa cultural, forma parte do conxunto de actividades que se van celebrar ó redor da magna exposición da obra de Quessada que andan a preparar para o mes de outubro a Fundación do seu nome, a asociación Fuco Buxán coa colaboración do noso concello, que xa foi quen de colgar no Auditorio de Caranza dous magnos e excelentes murais do ourensán. Espero outubro con impaciencia.