estes días soleados, moi apropiados para sentar a ler refrescándose cunha cervexiña, ando a voltas con libros que merquei en Braga e que non fun quen de rematar antes do regreso. Agora mesmo estou gozando, moi de verdade, coa lectura de Zeca Afonso: Libra-te do medo, obra publicada pola Porto Editora en 2014 da que é autor José A. Salvador. Este veterano xornalista portugués, falecido o pasado ano, xa nos tiña deleitado con outras aproximacións á grandiosa figura do cantor nado en Aveiro: Livra-te do Medo - Histórias e Andanças do Zeca Afonso (1985) e José Afonso. O Rosto da Útopia (1994 e 2003), cousa non de estrañar se temos en conta que tiñan trato de vello, coñecéranse en Coimbra –ambos os dous se licenciaron nesa Universidade– durante as xornadas da toma da Bastilha en 1968.
Mais, aquí e agora, nestas liñas, non é a miña intención facer unha reseña desta interesante e recomendable historia –real como a vida mesma– do creador e intérprete do “Grândola”, entre outras cousas, porque aínda non rematei a súa atenta e demorada lectura. Se traio aquí o libro é porque me parecen do máis atinado e dignas de ter moi en conta estas palabras, que reproduzo textualmente, que pechan o apartado “No 50.º aniversário do ‘Grândola, vila morena’ e no 4.º aniversário do 25 de abril. Das razões para este novo libro”.
Di José A. Salvador: “O Zeca apesar de dizer, às vezes, que detestava ouvir-se, só podia cantar daquele modo, só podia escrever daquele modo, só podia compor daquele modo porque o fazia e sempre fez com paixão. José Afonso foi dos que nunca se vendeu sob nenhum pretexto. A sua honestidade e exemplo nesta matéria são outra forma de subversão, legado que nos deixou para combatermos este sistema neoliberal que nos amordaça e esmaga o direito a viver”.
Non sei vostedes, mais eu hai anos que sinto isto, que percibo que me queren amordazar e esmagar e procuro loitar diariamente, o primeiro de todo comigo mesmo, para que o sistema non consiga gañarme a partida. E confeso que mentalmente me sinto moi forte. É o que ten o exercicio continuado.
E falando de mordazas, noutra páxina do libro, xa contra o final, atopamos fotografado un auto de interrogatorio no que podemos ler que lle preguntan en que reunións clandestinas tiña tomado parte “com o fim de provocar a agitação social e o ódio contra as Instituições”. Reparen no do odio. Odio contra as institucións, dicía a policía salazarista. Non sería máis ben que quen odiaba era aquel réxime ditatorial de signo fascista ao pobo portugués?