acudín ao concerto que prograou a Sociedade Filharmónica Ferrolá no auditorio da cidade en cuxo programa incluíanse unhas pezas de José Arriola. Pódolles dicir, porque fun testemuño directo das xestións que a Sociedade Filharmónica realizou coa Consellería de Cultura e a xerencia da orquestra Ral Filharmonía de Galicia, que o trámite para ofrecer en Ferrol a obra deste insigne compositor ferrolan nado en Betanzos por razóns que posiblemente todos coñezan e que agora non veñen ao caso, foi arduo, ben complicado. O esforzo pagou a pena e o pasado xoves tivemos oportunidade de escoitar en primicia tres textos cervantinos e dous de Antonio Machado na voz do baítono Javier Franco baixo a batuta de Maximino Zumalave principal avalista da música de José Arriola. Pouco para expectación espertada porque os ferroláns entendimos que José Arriola e a súa música eran merecentes de ocupar máis espazo, pero malia iso a satisfacción foi grande porque Ferrol é a primeira cidade onde a Real Filharmonía comeza unha xira de concertos que a levarán, xunto a esta mostra da música de Arriola, por Galicia adiante. Non vou a pormenorizar no concerto, excelente, con música de Richard Strauss e Jesús Guridi ademáis de Arriola, porque a miña intención hoxe é reivindicar a figura deste pianista e compositor catalogado coma un dos mellores autores españois logo, ou á par, de Manuel de Falla. Foi unha gran casualidade que soubésemos das partituras que apareceron en Ferrol cando Jaime López, asíduo visitador á residencia ”Mi Casa” onde a miúdo falaba con Carmen Osorio medioirmá de Arriola que alí residia, recibe ao falecemento dela unhas partituras que lle entrega unha monxa da residencia porque Carmen non tiña aquí familia. Jaime López ponas nas mans de Luís Mera que as fai chegar ao Consello de Cultura onde Maximino Zumalave comproba que está diante de algo moi interesante, dun descubrimento musical importante. Xa que logo foi un achado casual e non o resultado dunha minuciosa pescuda. Non sabemos en realidade se a obra atopada daría argumentos para un concerto dedicado só á música de José Arriola, iso habería que velo pero o mesmo si abondaría para unha ampla mostra xa que, polo que se manifesta, non hai nos papeis aludidos obra sinfónica completa. Maximino Zumalave virá en datas próximas a Ferrol para falar de José Arriola, para adentrarnos no seu coñecemento coma gran músico e autor. Saberemos máis deste insigne mestre. Abofé.