Falta de prudencia

Vin onte nun telexornal unhas imaxes do metro de Madrid que botaban para atrás. Telita! Desde logo que non se asemellan á que ofrecen a práctica totalidade dos buses que vemos circular pola nosa contorna. Mais, con todo, a min, de momento, o transporte público non me ofrece garantías suficientes para facer uso del. Se, con toda a razón do mundo, se nos está recomendando que, na medida do posible, evitemos aquelas situacións que conleven contactos con certo número de xente, non me parece moi de recibo fomentar o uso do transporte público en momentos como estes. É por iso que fiquei pampo cando, onte mesmo, lin no noso Diario que o noso Concello vai celebrar, o próximo martes 22, o Día sen Coches, con transporte público urbano gratuíto e o peche ao tráfico rodado do barrio da Madalena. Creo que se trata dunha moi imprudente barbaridade, pois tal medida vai, sen dúbida, obrigar a certo número de xente -residente ou foránea- que teña obriga de realizar algún tipo de xestión ese día, a utilizar ese bus, que, por precaución, non usa. O Día sen Coches, como tantas festas patronais, podería adiarse.

Falta de prudencia

Te puede interesar