Un mundo multipolar e diverso

Aínda que pareza mentira, canto maiores son as tensións internas nos Estados Unidos (USA) máis graves poden ser as repercusións no exterior, máxime cando a maior potencia do mundo está nun intre de debilidade. En capacidade de merca o PIB de China xa supera a USA, porén en valor de intercambio aínda non, porén a crise económica orixinada pola pandemia do covid-19 acelerou este proceso. Ademais Rusia conta capacidade militar abondo no eido nuclear, e en certas armas da guerra convencional, suficientes coma para disuadir calquera ofensiva neste ámbito. Ninguén nega que os USA son o imperialismo hexemónico, mais: por canto tempo? E cales serán os custes para  continuar a selo?

As estimacións do Fundo Monetario Internacional do PIB para o ano 2020  dan un retroceso nos chamados países ricos do -5,8%, mentres que China crecería no 1,9%. Os datos para o presente ano son positivos para a economía mundial e manteñen a mesma tendencia. As economías avanzadas medraran un 3,9%, mentres que China crecerá o 8,2%. Agora ben, estes son cálculos feitos en outubro, os datos definitivos aínda poden ser peores vendo a evolución da pandemia.

Asemade, tampouco é secundario se a incidencia territorial mantén o diferencial actual. Teñamos en conta que Estados Unidos, malia contar cunha maquina de facer moeda que polo dagora non ten límite, seguiría sendo dos países máis afectados negativamente, non só no PIB, senón no seu prestixio internacional respecto da exportación do modelo social.

Polo tanto, ficamos nun contexto preocupante, no que non está claro que Biden poda, e queira, mudar as medidas que tomou Trump respecto de aumentar a presión militar, económica, e propagandística, contra as potencias emerxentes e países que queren facer valer a súa soberanía. Os bloqueos, sancións e intervencións, contra nacións e empresas sen respectar o dereito internacional son moeda corrente e, o máis grave, nalgúns casos co apoio de estados que integran a UE. 

A perda de peso da economía de USA non axuda e tampouco a tensión interna. Esta última é tan grande que aínda un sector dos republicanos dará batalla no pleno de ambas cámaras para evitar a proclamación de Biden. Estas confrontacións dan alento a proxectos políticos baseados na disputa dun relato que considera aos Estados Unidos un país exemplar e predestinado a dirixir o mundo. Unha visión mesiánica que sustenta un imperialismo sen outras alternativas... A UE seguirá sen cuestionar estas actitudes ou, ante o perigo que representan, apostará por un mundo multipolar e diverso?

Un mundo multipolar e diverso

Te puede interesar