A onde quere chegar Francisco?

Pasados os seis primeiros meses dende a súa elección como Papa parece chegada a hora de que Francisco deba pasar dos xestos ás realizacións concretas, evitando de este xeito que se vexan frustradas as esperanzas espertadas en moitas persoas, incluidas as non católicas e algunhas agnósticas ou ateas. Sen deixar de recoñecer, por outra parte, que a situación actual pola que atravesa a Igrexa leva consigo dificultades enormes coas que o Papa tense que estar encontrando. Pero debe aceptar que se trata do seu compromiso adquirido no Cónclave. E o medo non debería ser outra vez o impedimento para levar a cabo as necesarias reformas na Igrexa, como parece que sucedeu co seu antecesor.
Espero que ninguén se escandalice de que os non católicos, incluso os non crentes, sentan satisfaccion vendo o acercamento do Papa á sociedade. Creo que o mundo vai canso de agardar que todas as institucións avancen, deixando atrás as confrontacións e, neste caso, os fanatismos, que non son só patrimonio das persoas relixiosas senón tamén de moitos laicistas e ateos orgullosos.  
Pero a Igrexa, máis que reformada, necesita ser refundada. É dicir, voltar a nacer renunciando á imposición da súa doutrina obrigatoria co poder que aínda mantén nos colexios, non só privados senón tamén públicos. Poucos cambios se teñen producido ao respecto dende que o emperador Constantino a declarara relixión oficial do Imperio Romano. Un obstáculo que veu impidindo o desenvolvemento das comunidades, a súa matriz fundacional, encóntrase principalmente nestas rémoras nada evanxélicas que non  abandonou aínda. Pero para poñerse á obra é necesario moito valor e moito convencemento. Porque o peor inimigo está no “medo” que a paraliza e a atenaza. Só persoas moi arriscadas e que non teñan nada que perder serán capaces de algo semellante. Con todo, o camiño xa está iniciado. Francisco non está só. Hai perto de vinte anos, grupos de cristiáns, chamados de base e de Igrexa, tanto en Europa como en América veñen xuntándose e facendo propostas de que outra igrexa é posible e necesaria. Aínda que pouco visible, esta iniciativa serve de fermento que, mesturado coa masa, axúdalle a levedar. Así pode comezar o cambio na Igrexa.

A onde quere chegar Francisco?

Te puede interesar