Non son moi orixinal, seino, ao falar de fútbol estes días nos que todo o mundo fala del pero isto dame ocasión para facer unha pequena reflexión. Vujadin Voskov, aquel futbolista e logo adestrador servio que destacou máis polo seu talento coma xogador que coma técnico, fíxose famoso por aquela frase lapidaria de “fútbol é fútbol” que pasou aos anais deste deporte. E a frase en cuestión define o que debera, segundo el, ser o fútbol: fútbol simplemente, pero por desgraza este deporte caeu nas máns de grupos organizados para delinquir, chamémolles FIFA , federacións ou directivas de clubs que o converteron nun instrumento para o logro de espurios intereses.
O adestrador da selección española non andou moi fino ao firmar contrato co Real Madrid uns dias despois de que se comprometera a prorrogar o que tiña firmado coa selección. Pode que isto fose lexítimo pero semella pouco serio. A prepotencia do Real Madrid quedou tamén de manifesto ao antepoñer os seus intereses aos da selección española. Pode que lexítimo tamén, pero pouco serio. A pela é a pela e diante diso que se quite todo o demáis. Fútbol non é só fútbol: é especulación e negocio.
O próximo campionato do mundo váise celebrar en Qatar, un pequeno emirato árabe, terceira reserva mundial de gas, de non máis de dous millóns e medio de habitantes dos que tan só uns 300.000 son árabes (os demáis son estranxeiros que traballan alí). Sábese agora que Qatar comprou por máis dun millón de dólares o voto dalgunha federación africana para acadar o Mundial de 2.022 que xa ten adxudicado. A FIFA non tivo en conta que en Qatar, no verán, se alcanzan temperaturas superiores aos 50 graos e agora anda estudando a posibilidade de cambiar o calendario das ligas para que o campionato se celebre no inverno. Está claro que os intereses económicos prevalecen sobre os deportivos. O fútbol converteuse nunha máquina de fabricar diñeiro e os dirixentes, como sanguijuelas, a chupar do bote pero aos seareiros non parece importarlles o latrocinio dos que controlan este deporte. Mentres, os millonarios xogadores da selección que acadarán 800.000 euros cada un se gañan, coitadiños, andan anoxados coa prensa porque critica o xeito de xogar sen ter en conta que as críticas son inherentes ao seu traballo tan ben remunerado.
Ves Vujadin como o fútbol non é só fútbol? Ves coma malia outras cousas foise convertendo na cova de Ali Babá? Malia todo isto, sorte á selección española!