Ponlla, poncha!

Non sei se estarán comigo ao pensar que esta “nova normalidade” converteuse nun pesadelo de normalidade, que a nosa vida está cambiando en usos e costumes e a cousa non vai precisamente para mellor. Estragamos unha primavera, entramos nun verán atípico e imos camiño dun outono quente. Demos prioridade aos asuntos económicos por enriba da saúde, pensamos na mobilidade do diñeiro cousa lóxica nunha situación normal, na movida de xente dun lado para outro con turistas por aquí e acolá e xa temos as consecuencias. O virus non foi de vacacións, esta alarmante incidencia de contaxiados, non ten que ver cun rebrote, non, o virus seguía aí e démoslle máis facilidades de transporte e aí está de novo incidindo tan negativamente sobre as nosas vidas. Todo está cambiando se é que non cambiou xa.

O uso da máscara fíxose necesario á par que obrigatorio pero penso no certo desorde que hai no seu uso porque poñer un trapo na cara non é suficiente. Falóusenos da diversidade de máscaras que hai no mercado: unhas que protexen de dentro cara a fora, outras de fora para dentro, con filtro, dun solo uso, lavables e un longo etc. ¿Cal estamos usando? ¿Elixímolas correctamente? ¿Axustámolas perfectamente á cara? ¿Cambiámolas coa frecuencia recomendada? ¿Están homologadas todos as máscaras que mercamos?. Cada un a usamos segundo nos cadra co resultado incerto que iso reporta.

A min concretamente respirar parte do aire quente exhalado que queda entre a mascara e a cara resúltame francamente sufocante e maila dicir os expertos que a cantidade de CO2 que así inhalamos é imperceptible eu sento a sensación de precisar aire limpo e cando vou por espazos abertos sen xente non a levo posta aínda que si preparada por si se presenta o caso.

O sangue necesita o osixeno preciso e dubido que co nariz e a boca tapados se consiga unha boa respiración. Claro que algúns dirán que sen a máscara, pola contaminación atmosférica, tampouco respiramos aire puro e levan razón, así que como nunca chove a gusto de todos non temos máis remedio que ser disciplinados e atender as recomendacións que nos fan os que din saber disto, así que: ¡ponlla, poncha!
O outro día, paseando pola rúa Real da capital da provincia observei que todos os postos de venta ambulante estaban repletos de máscaras colocadas polo chan a cada cal máis “fashion” nunha explosión colorista. Nesas estamos.

Ponlla, poncha!

Te puede interesar