ALBORES DA NOSA NOVELA NEGRA

Aludir ao que pode parecer obvio, pero é necesario recordar, nunca está de máis. O proceso literario galego ten sufrido enormes interferencias ao longo da historia. O desenvolvemento natural que as literaturas normalizadas teñen experimentado a través dos tempos non é acorde co que sucede coa nosa literatura particular. Referímonos á literatura feita en lingua galega. Esa etapa cenital e ilusionante que supuxo o labor iniciado polas Irmandades da Fala, e continuado pola Xeración Nós, esfarelou tras o franquismo. Nese período, a actividade cultural, e literaria tamén, estaba en ebulición. Esas bases en que se pretendía consolidar unha literatura, chamémoslle total (teatro, ensaio, narrativa, poesía, investigación, etc.), veu abaixo coa Guerra Civil e a implantación da ditadura.
O silencio narrativo en Galiza materialízase após os impedimentos legais impostos (censura principalmente) ou prohibicións mesmo. A publicación de “A esmorga” (1959), acontecida en Bos Aires, chegará aquí de modo clandestino; mais marcará o renacer da nosa narrativa, ao tentar historiar unha realidade nunca narrada. En 1954 sairá “Nasce un árbore”, de G. Mourullo, cunha técnica máis novidosa e experimentalista. Xorde así o que se deu en chamar Nova Narrativa Galega coa eclosión de novos autores: Ferrín, Mª. X. Queizán, Camilo Gonsar, Carlos Casares, Xavier Alcalá, etc. A convocatoria do Premio Galaxia, en 1975, alén do Modesto Figueiredo do Pedrón de Ouro, en 1976, guiarán o rumbo e o despertar da nosa prosa.
“Crime en Compostela” obterá o Premio Xerais de Novela na súa primeira convocatoria en 1984. Fanse trinta anos, logo, da publicación da que pasa por ser a obra inaugural do xénero negro autóctono. “Como mínimo habería que lembrar As calexas do cigurat de Xavier Carro, reeditado por Galaxia no 1996, xa fóra das gadoupas dunha censura que se cebara nel. […] publicouse un ano antes cás “Elipsis” de Méndez Ferrín e dous antes que os “Xoguetes para un tempo prohibido” de Carlos Casares. Achegando unha frescura e bo facer literario realmente sorpresivos, cunha lectura pola que non pasan os anos e aínda hoxe é moi agradecida”. Palabras de X. M. Eyré relativas ao trixésimo aniversario da obra de Carlos Reigosa, e motivo central que hoxe nos ocupa.
Falarmos de novela de xénero daría para un extenso artigo, alén de para debate. Se acaso apuntarmos –fóra das pastorís, picarescas, bizantinas e de cabalarías de antano– que colle novo pulo coa novela gótica no séc.XIX. Novela fantástica, detectivesca, psicolóxica, histórica, de aventuras, etc. será un modo de clasificación que nos axudará para unha organización lóxica, pero que pode estar chea de trapelas. A novela é maleábel, susceptíbel de admitir cruzamentos, podéndose dar até a prosa poética ou a biografía novelada, poñamos por caso. Si podemos afirmar que no momento actual ocupan un primeiro plano tres subxéneros novelísticos: a novela negra, a histórica e a de ficción histórica con toques esotéricos.
X. Fernández Ferreiro escribira en 1975 o primeiro western en galego, “A morte de Frank González”, e, en 1983, a primeira de ciencia ficción, “Reportaxe cósmico”, talvez pesando nel esa ansia de literatura total da época das Irmandades e da Xeración Nós de que falamos, e coutada pola guerra.
O tema central do xénero novela negra, ademais da súa conclusión, acostuma ser un crime; con ingredientes propios como o suspense, a violencia, o medo ou ansiedade que pode provocar no lector, o intenso ritmo narrativo e a acción, alén do heroísmo. A división entre o ben e o mal fica desdebuxado. Xorde a preocupación social, os ambientes degradados con descricións crúas e naturalistas, con detectives que acostuman ter puntos fracos, debilidades que os fan máis mundanos, ás veces cínicos, fracasados e cun sentido da honra peculiar. Desde o Perry Mason de Stanley Gardner, o Philip Marlow de R. Chandler, ao Carvalho de Montalbán, o Mario Conde de Leonardo Padura, pasando polo Kurt Wallander de Mankell, o Maigret de Simenon ou o Kharitos de Márkaris. Allan Poe sería o presunto pai do xénero, sucedido por outros como Dashiell Hammet ou Agatha Christie. Borges falaba sobre a influencia da novela do Oeste, canto á brutalidade e a violencia, alén de que todos os modernos detectives son duros, solitarios e só confían en si mesmos.
En “Crime en Compostela”, un empresario da construción, millonario e mullereiro, morre asasinado. Nivardo Castro, detective e amigo do xornalista Carlos Conde, investigarao. Amores e adulterios de dous antigos socios do negocio inmobiliario e unha prostituta, estarán na cerna do crime, envolto nun ambiente de baixos fondos, con chulos, putas e hampóns que contribúen a podela clasificar dentro do xénero. Trinta anos desta prosa inaugural para as nosas letras –cunha Xornada de Novela Negra Galega en Compostela o 6 de febreiro–, hoxe recorrente con autores como Forcadela, Román Raña, Fran Alonso ou o exitoso Domingo Villar co seu sagaz Leo Caldas.

ALBORES DA NOSA NOVELA NEGRA

Te puede interesar