Alternativas

Por pouca atención que un lle preste ao camiño que a sociedade española veu facendo dende hai uns anos non se debe esquecer que se produciron cambios moi significativos que estamos experimentando. Cambios que para moitos están a resultar difíciles de entender e de aceptar. Entre eles encóntrase o da igualdade de dereitos entre mulleres e homes, moito máis custosos para elas que en algúns casos deben pagalo coa propia vida. Tamén está o das cotas de liberdade alcanzadas pola xente nova, principalmente en canto á formación de parellas, con consecuencias positivas e negativas. Pero a evolución humana non se pode parar. Hoxe quixera determe nun tema, ao meu parecer máis complexo se cabe e que afecta de algunha maneira ao conxunto da sociedade. Trátase de que a sociedade na que vivimos e da que formamos parte, entrou na corrente imparable da secularización, o que significa deixar de lado, definitiva e maioritariamente, unha relixión á que case a totalidade das persoas pertencen dende hai varios séculos. E este proceso de laicismo no que a sociedade entrou vai resultar xa imparable.  Pouco importa que o PP queira frear esta fuxida mantendo a confesionalidade do Estado e a Igrexa como aliada da súa política conservadora -o nacional catolicismo de antano- incumprindo a Constitución. Manterán as formas e as atencións facilitándolle á Igrexa a súa presencia nas rúas, como foi o da misa das familias protagonizada por Rouco en Madrid. Pero en relixión importa menos o exterior –procesións, actos masivos, predicacións misioneiras– que o interior das conciencias e do convencemento das persoas. O valor da relixión non está nos ritos senón na conciencia, nas obras e na atención e o servizo aos necesitados. Tamén máis no silencio que no barullo de tanto predicar e parolar. Certo é que a relixión segue interesando, aínda que agora a menos persoas e tamén de forma distinta. Atrás queda forzar ás persoas a oír misa os domingos e festas de gardar. Non se pode nin se debe forzar a ninguén a ser relixioso. A sociedade actual, tal e como é, precisa alternativas a este modelo de relixión caduco que está a rematar porque os fieis o abandonan. Outro modelo non imposto en ningún caso polas xerarquías ou por visionarios iluminados está aparecendo como resultado de experiencias novas das comunidades e de grupos que xa existen e están a medrar. Estes  buscan experimentar o valor comunitario do Evanxeo como aconteceu nos seus inicios, nos dous primeiros séculos do cristianismo.

Alternativas

Te puede interesar