O TOURO DA VEGA

Todos os anos cando o verán esmorece, nun pobo de Castela de cuxo nome, por mor do que vou mencionar, case non quixera acordarme, a barbarie chega á súa máxima expresión. No lugar onde está  Tordesillas din que houbo asentamentos da segunda Idade de Ferro, da que algúns dos seus habitantes semellan no ter saído. Tamén alí estivo recluída Juana la Loca dende o ano 1509 ata o 1555 no que morreu tola de amor pola perda do seu esposo Felipe el Hermoso, imaxino que confinada nunha estancia sen posibilidade de pasear polas intricadas rúas dese pobo que se non fose polo xeito que teñen de se divertir os seus habitantes, pagaría a pena deixarse caer por alí, coma eu fixen algún día. Malia ser un pobo belido, hoxe non me apatece nada visitar esa localidade.
Dende hai tempo, desde que as barbaridades adquirían rango de diversión e máis tarde de tradicións, pola rúas de Tordesillas, todos os anos por estas datas ceiban un touro que é conducido ata un espazo aberto ás aforas do pobo onde un numeroso grupo de homínidos que semella saídos do Neardental, montados en cabalos, dedícanse a perseguir ao animal e martirizalo con lanzas ata provocar a súa morte. Aló, na noite dos tempos, o home mataba para alimentarse e estes mequetrefes o fan por puro e covarde divertimento. Todo isto seguido por miles de descerebrados que consideran ese lamentable espectáculo como un ben cultural coa pueril e sibilina escusa de que forma parte dunha tradición ancestral. Sen comentarios.
Resulta un paradoxo que a estas alturas nas que cremos avanzar cara a unha humanidade máis culta, haxa manifestacións coma esta de Tordesillas que sitúan ao ser humano na escala dos seres máis depravados. Tradición tamén era queimar á xente nas fogueiras ou decapitar a un reo nunha  praza, pero pasado o tempo estas prácticas salvaxes afortunadamente foron desaparecendo da escena pública. Non podemos ser escravos de certas tradicións. Algúns rexedores de Tordesillas, dunha ou doutra ideoloxía, non o entenderon así e apoiaron e promoveron estes espectáculos degradantes e deprimentes. O actual alcalde é do PSOE, o que ven a dar valor a aquela frase do meu profesor Alonso del Real: “non hai cousa máis parecida a un imbécil de dereitas que un imbécil de esquerdas”.
Coa festa do Touro da Vega dáse solta aos máis baixos instintos do ser humano. De quen é capaz de martirizar así a un ser vivo, pódese esperar calquera cousa e poucas boas. Isto non é festa nin farrapos de gaitas; é unha barbaridade e unha aberración mire por onde se mire. Da noxo ver coma certos personaxes vinculados a algúns medios de comunicación empéñanse en defender o que non ten defensa, coma unha tal Mariló que conduce un programa en TVE (que pagamos todos) que manifestou sen rubor algún que iso do Touro da Vega era unha festa marabillosa onde o touro non sufría nada. Claro que esta señora foi quen dixo una vez que cabía a posibilidade  de que nun transplante dun órgano cedido por un recluso, un asasino, se transplantara tamén parte da súa  alma co conseguinte prexuízo para o receptor. Esta señora aínda segue aí. Saquen vostedes a súa propia conclusión. Ao final a solución está na educación. Nun pobo culto, educado, non pasarían estas cousas. E  se esta é a “marca España” que queremos vender, pois estamos apañados.

O TOURO DA VEGA

Te puede interesar