Áhora de reflexionar sobre o estado da lingua galega, aproveitando a data do 17 de maio por ser tempo de conmemoración do noso patrimonio cultural e de identidade colectiva máis importante, á par da radiografía que amosa gravidade e preocupación polo maltrato institucional ao idioma propio; é de xustiza á vez que merecedor de parabéns a cita de proxectos que representan un claro avance no proceso de facer normal a extensión de usos do galego. Velaí está a celebración do décimo aniversario de Mancomún, web de referencia fundamental do software libre neste país.
Para dar a coñecer as razón que motivaron o seu nacemento, da man do executivo compartido que gobernou na Xunta entre 2005 e 2009, a iniciativa toma a referencia da expresión Mancomún dada pola Galipedia: “Úsase o termo mancomún para referirse a unha unión de persoas, esforzos, intereses, institucións ou cousas para acadar un determinado fin común, ou atender servizos e problemas comúns. Aínda que a acepción máis empregada é para referirse a unións de concellos ou veciños (montes en mancomún), tamén pode empregarse en expresións como traballar en común co significado de traballar para conquerir unha propiedade colectiva”.
Delimitada, pois, a filosofía e obxectivo do proxecto este botou andar coa pretensión de traer para o noso idioma todo o que fose posíbel no mundo dos programas informáticos, adoptando a forma de portal web que se converteu en referencia e aglutinador de todas as iniciativas sobre software libre de fontes abertas que se están a desenvolver en Galiza dende os diferentes ámbitos, con dúas finalidades: Servir de canle de comunicación pública na que informar das distintas iniciativas xurdidas desde institucións, empresas, voluntariado e mundo educativo; e, por outro lado, proporcionar un conxunto integrado de servizos orientados á difusión, formación, desenvolvemento e outras accións do software libre de fontes abertas no territorio galego.
Mancomún, baixo o paraugas da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega, acolle entre outras iniciativas os “repositorios” de Software Libre de Galicia no que figuran rexistrados máis de trescentos proxectos; e, tamén, o Documental cunha manchea de materiais formativos e divulgativos con licenza libre en formatos abertos para ser usados de balde por toda a comunidade interesada. É, sen dúbida, unha gran iniciativa que, nestes dez anos de existencia, serviu de canle de comunicación pública para informar das iniciativas do software libre en galego. O futuro da lingua galega pasa por potenciar proxectos así.