O xornalismo na encrucillada

O xoves fun a Canido, ao novo Centro Cívico onde aínda non estivera, porque aí tiña lugar unha palestra a tres organizada pola Asociación Cultural Muíño do Vento coa encrucilllada pola que pasa o xornalismo na actualidade como fondo argumental. Os que interviñan na conversa son amigos e ademáis, miren que casualidade, os tres membros do Club de Prensa de Ferrol: Xulia Díaz Sixto actual president , Xermán Castro, presidente de honra do mesmo e Xosé Mª Dobarrro, socio e ademáis membro do Consello de redacción da revista FerrolAnalisis que edita o Club. Xulia e Xermán con toda unha vida dedicada e esa fermosa labor que é informar e Dobarro, dalgunha maneira, tamén vencellado ao xornalismo porque escribe artigos de opinión neste xornal, publica traballos en varias revistas e foi outrora un dos principais accionistas daquel diario en galego que xa desapareceu chamado A Nosa Terra.
O tema, debatido outras veces, non deixaba por iso de ofrecerse interesante para o público que enchía a pequena sala onde tiña lugar o encontro . Os tres intervenientes estiveron de acordo ao aseverar que o xornalismo , tanto o audiovisual como o da escrita, non pasa por un bo momento, sobre todo no que concirne á fiabilidade porque en xeral as directrices das liñas editoriais as marcan as empresas e estas móvense noutros intereses que moitas veces teñen ben pouco que ver co axioma de contar a verdade, cousa que debe ser unha das funcións esenciais dun bo xornalista. Así as cousas, as noticias son interpretadas segundo os dictados das empresas e aos destinatarios resúltalles francamente difícil dar con  esa noticia ponderada e verdadeira. 
Un medio de comunicación para que subsista ten que ser rendible e a rendibilidade, no mundo que vivimos, mídese polo volume de publicidade que atesora esa empresa e pola plusvalía que proporciona o producto da venta ao público da noticia. Se temos en conta que os medios rexistran moita publicidade institucional e de empresas, non resulta difícil deducir que os contidos do xornal, emisora de radio ou canle de televisión, nunca van perxudicar a quen lle proporciona cartos. Xa que logo a información convértese nun producto de mercado suxeto as leis mercantís, e o sensacionalismo, do que forma parte a insidia e a mentira, pertencen  a este xogo no que case todos están a participar. Alguén dixo unha vez que o bo xornalismo fica onde está un bo xornalista: e en que nos baseamos para definir a un bo xornalista? Pois para non dar moitas voltas poderíamos dicir que un bo xornallista é aquel que conta a verdade. Habelos hainos, pero hoxe atopámonos máis cos que se constitúen na voz do seu amo e antepoñen os intereses propios aos de informar con siso. Éche o que hai e semella que moita xente segue a estes arremedos de xornalistas extorsionadores que esgrimen falsidades, que calumnian e denigran para vender o máis noxento do producto que elaboran. Diante deste panorama podemos dicir sen moito medo a errar que o xornalismo está nunha encrucillada da que lle vai resullar dificill saír. Hai, sen dúbida, xornalistas que tratan de loitar contra todo isto indo na procura de dignificar a profesión e desde dentro das redaccións andan esforzándose por facer un traballo digno dentro das posibilidades e dificultades coas que se atopan. Neles está a esperanza dun futuro mellor para una das máis fermosas profesións: o xornalismo.
 

O xornalismo na encrucillada

Te puede interesar