Abrir camiños pechos

Quen se pare a ler este artigo axiña caerá na conta de que algo, en aparencia oculto, agarda ser descuberto. Mais descubrilo non vai depender da investigación senón simplemente de clarexar parte da vida de unha persoa mundialmente coñecida, apreciada e querida. Refírome á Xesús. Estamos nuns días nos que ninguén se pode librar facilmente da influencia que sobre nós exerce a  publicidade e o comercio que aproveita tódalas ocasións para facer o seu agosto. E coa iluminación que destaca singularmente está a celebración do Nadal, que conmemora o nacemento de Xesús. Son estas datas festivas, sobre todo no mundo occidental. A quen se deteña un pouco a pensar non deixará de causarlle sorpresa que estas festas continúen manténdose nunha sociedade que está deixando a un lado as relixións. Pero, sexa un crente ou non,  sabe que Xesús existiu como persoa humana, que nace nunha cova e morre crucificado no monte Calvario. Certo que a nivel popular non é frecuente escoitar falar de Xesús fóra da Igrexa. Mais, prescindindo aquí do carácter relixioso que o envolve, Xesús, como persoa humana, naceu e viviu en Palestina participando da vida social e exercendo unha histórica influencia que marcou ao grupo dos que o seguían. El colleu o compromiso, enfrontándose ao poder político, social e relixioso, de propor unha ensinanza liberadora en defensa dos pobres e dos asoballados. E por iso morreu crucificado pola clase sacerdotal do templo de Xerusalén, co asentimento do Imperio Romano. Seguramente que no mundo actual, secular e positivista, no que só vales canto tes, sen importar que medren as inxustizas, non encaixa este Xesús real e humano. Un Xesús bastante diferente ao da Conferencia Episcopal, aquí e agora, cando están exercendo presión para que Rajoy continúe no goberno, manténdolles os privilexios. Xesús foi outro neno distinto. A Igrexa ten que cambiar e abrilas portas para que entren os pobres e os sen teito. Esa é a súa obriga, facer o que fixo Xesús no seu tempo. Leva razón a xente ao darlle as costas porque as palabras de Xesús que ela debía conservar non soan como naquel tempo, no teñen o mesmo valor. A Igrexa actualmente carece da enerxía, e do poder de convencemento axeitados para lograr o cambio que necesita esta sociedade na que vivimos. Ela está presa de outro poder, que chama sagrado, que a inmensa maioría da xente non sabe o que significa. O papa Francisco ten por diante unha tarefa demasiado inxente se pretende cambialo rumbo.

Abrir camiños pechos

Te puede interesar