Vexo algúns cambios desde que voltei, como xa dixen, dos madriles. Mesmo o político, do que por suposto estaba ao tanto, e penso en que talvez desta, independentemente da cor do goberno municipal, se acaso pode que algo se faga. Saber onde estamos en Ferrol, xa o saben dabondo, é farto difícil, pero, como dicimos por aquí, a vaquiña polo que vale, que é a forma campeira de avaliar o traballo dos que nos gobernan. De momento, vexo algo máis de actividade e algún que outro xardineiro podando silvas e cortando herba, que xa era hora, visto o que xa vimos, que é como dicir que nada. Penso no exalcalde, e penso que debe de estar aliviado tendo en conta que agora pode criticar incluso o que el non fixo.