Hai unha morea de iniciativas encol dunha lista única do nacionalismo galego, para as vindeiras eleccións xerais. Que isto se concretase sería algo positivo, xa que, avance ou non a independencia en Catalunya, logo das eleccións de setembro, o Estado español ficará fronte ás opcións de aumentar as competencias ou utilizar a vía represiva. E Galiza tería que ter unha voz forte neste contexto. O obxectivo é evidente. Mais para ter forza abondo no país e en Madrid non chega coa unidade en abstracto, e con consignas identitarias, a esixencia de soberanía e con ter presenza nas Cortes. Cómpre mobilización e maior peso na Galiza.
A proclamación da independencia na Catalunya cuestionaría a unidade do mercado coa formulación actual (daquela a oposición da gran burguesía española e da catalá). Mais este paso adiante non se corresponde coa correlación de forzas na Galiza, nen en Euskadi. Polo tanto a candidatura nacional galega deberá ter postura encol doutros temas, que non ficaran nun segundo plano. Deberá contar cun programa común tanto no relativo á soberanía, e o identitario, como sobre as relacións laborais e a xustiza social, o modelo económico, e a temas como o euro, a Unión Europea, os conflitos entre potencias, e a actitude destas en relación coas experiencias de soberanía e xustiza social no mundo.
Mais segundo destacan os medios, semella ter maior importancia diminuír o papel das organizacións (alentando o espontaneísmo) en beneficio dos pequenos grupos agochados detrás da cidadanía e do individualismo (as clases sociais pasaron a ser cousa do pasado).
Todo baixo unha hipotética representación da maioría social, malia que despois, nas reunións a asistencia sexa máis ben pobre. Seica é a moda, mais as últimas enquisas reflicten que esta tendencia comeza a recuar.
Non pasará o propio con tanta iniciativa vía Internet, encabezada por ex dirixentes e activistas políticos, deportistas e xente da cultura, máxime cando carece de participación a maioría social, representada pola clase obreira, labregos e mariñeiros (aínda que a algúns a frase lles soe a cousa do pasado)...? Non vaia ser que rematemos todos/as mareados.