Griezmann

|

Nestes últimos días, cando está para rematar o campionato de liga, o mundiño futboleiro anda medio revolto por mor dalgunha que outra fichaxe, como adoita ser común cada ano. Griezmann é, desta volta, o nome que anda por todas as bocas. Que se o F.C. Barcelona anda en conversas cun xogador con contrato en vigor, que se está a ter unha conduta inadecuada, que se lle está a faltar ao respecto ao Atlético de Madrid e a todos os seus seguidores... son frases que lles escoitamos dicir a dirixentes dese club. Deixando de lado que no fútbol español existe unha cláusula de rescisión de contrato e que parece obvio que o club que quixer fichar un xogador por esta vía debe contar co acordo deste, ata é posible que a directiva madrileña puidese ter certa razón nas súas queixas. Quen non a ten son os medios informativos capitalinos no xeito de falar do tema. Non lembran como aplaudían a chegada ao Madrid de Modric e Bale (2012 e 2013) após terse declarado en rebeldía para forzar o seu traspaso? Griezmann, pola contra, segue a xogar e moi ben, por certo, co Atlético e á marxe de todo o asunto.

Griezmann