Comparacións con Catalunya

Aínda que pareza mentira, Núñez Feijóo gábase de que Galiza non lle pide cartos ao Estado. E faino colocando a Catalunya como exemplo do negativo. Semella que coida que os galegos e galegas son incapaces de facer comparacións entre ambas realidades económicas, sociais e culturais, e ligar isto coa política en cada país. Para alén do carácter determinante dos partidos nacionalistas en Catalunya, o contexto está condicionado en ambos países polas mesmas leis e o papel hexemónico do centralismo (antes castelán e agora sintetizado no madrileño). Polo tanto ten lóxica que comparemos algúns dados da chamada etapa democrática, tendo en consideración a distinta incidencia do nacionalismo en cada caso.
Unha diferencia cualitativa evidente é que a emigración prodúcese de Galiza cara Catalunya, e non ao revés. Non será porque somos unha nación menos avanzada? Malia que segundo Feijóo somos un exemplo.
Esta situación consolidouse durante a crise que comezou no ano 2008, que coincidiu co seu Goberno. O que contradí as súas argumentacións que converten en triunfos o que é simple subordinación ao Goberno central, á Unión Europea, ... a quen máis ordene. Só así se pode considerar secundario que medre a pobreza até un 30% das familias, que 2/3 teñan problemas para chegar a final de mes, e que o país perdese 52.000 habitantes nestes anos. Realmente, será tan insensíbel o presidente da Xunta?
Quero dar ao lector varios dados que son clarificadores, por riba da demagoxia política, alimentada e arroupada polos medios hexemónicos. No ano 1975, Galiza tiña un 7,5% da poboación do Estado e Catalunya o 15,81%.
Catro décadas despois eran o 5,85% e 16,10% respectivamente. Isto ten que ver coa participación na renda do Estado. Vexamos. Galiza representaba en 1975 o 5,61% e Catalunya o 20,2% do PIB. No ano 2015 as cifras eran do 5,15% e 18,92% respectivamente.
Dirase que en ambos os casos hai un retroceso (en beneficio de Madrid). Porén, existe unha diferencia importante. Os nosos gobernantes están satisfeitos, mentres os de Catalunya propoñen, pelexan, por unhas relacións máis xustas; defenden os intereses do seu pobo. Non é unha cuestión menor.

Comparacións con Catalunya

Te puede interesar