Unha tarde á beira do río

Hai uns días rendinlle visita ao meu río Cambás. Saín da casa cun ceo cuberto de nubes que ameazaban choiva. Orballo de verán que algúns chaman sirimiri outros calabobos e nas rias baixas poalla.
Xa no río percorrín a súa beira dende a ponte da Roda Maía no Barreiro ata a ponte do Reboredo, onde se xunta de vagar co Mandeo. O abandono que viron os meus ollos non pode ser mais desacougante:
Pouca auga leva por mor da estiaxe e mesmo do encoro que eu vin erguer e denunciei hai preto de vinte anos; semella que estaban a enchelo para logo “turbinar”, co galo de xerar quilovatios para os petos de Fenosa a costa de escarallar o río, que é de todos.
Troitas non vin ningunha. Neste tempo nos que abondan os saltóns nos prados lembro aqueloutros nos que os guindabas ao rio e desaparecían en poucos segundos, pois agora alá vai un espernexando rio abaixo hasta perderse de vista sen que salte unha soa troita. Tampouco atopei troiteiros, tanta regulamentación, tantas limitacións de capturas e de tamaños, tanto argallar con iso que chaman pesca sen morte, e nunca houbo tan poucas troitas. ¿Como non lembrar aqueles dias de “viño e rosas” en que ir as troitas, que é moito máis que ir pescar, era unha ledicia.
Por se o que levo contado fora pouco decepcionante, observo asemade que alguén argallou urbanizar o río, establecendo na súa beira rutas de sendeirismo, hoxe cubertas polo mato. É como si a natureza rexeitase tales andrómenas.
Para repousar do recorrido senteime, despois de mollar os pes nas frías augas, nunha pena sobre o río rememorando outros tempos mais venturosos. Estando nilo vexo vir un ledo grupo de rapaces e rapazas camiñando río arriba coa troula propia da xuventude o que me fixo pensar no futuro que lles agarda nun mundo que, a pesares dos adiantos modernos, non vai a mellor. Pérdome con estas trécolas e no meu interior deséxolles unha boa andaina, no rio e na vida, ao fin e ao cabo eles son os donos do futuro e quero pensar que saberán arranxalo e facelo mellor. Menos mal Xaquín de Roca que, como sempre, “os paxaros seguen voando no alto camiño de ningures, que é o seu destino”.

 

Unha tarde á beira do río

Te puede interesar