FERROL E SERANTES, SETENTA E CINCO ANOS DE ANDAINA EN COMÚN

      A broma máis divertida é contar a verdade
                           (Woody Allen)

O ano 1834, polo Real Decreto do 21 de Abril creouse o concello de Serantes que, o mesmo que o de Ferrol, pasou a depender da provincia de A Coruña. Cen anos máis tarde e tras varios intentos para crear un único concello, pola Orde do 21 de Xaneiro de 1940 do Ministerio da Gobernación, firmada por Ramón Serrano Súñer e publicada no Boletín Oficial do Estado o seguinte 23 de Xaneiro, aprobouse o “expediente de agregación” do Concello de Serantes ao de El Ferrol del Caudillo (sic), sendo este último o nome do novo concello.
Aínda que na Orde aparece que se aprobou o expediente de “agregación”, as actas de época do Concello de Ferrrol escriben “anexión” de Serantes, mentres que as de Serantes falan da “fusión” de ambos concellos. Sempre pareceume moi torticeira a linguaxe dos políticos de antes e agora.
A próxima semana cumpriranse setenta e cinco anos da creación do novo concello. Coido que pronto verá a luz unha publicación conxunta de Carlos de Aracil e a persoa que isto escribe, describindo o singular proceso e as vantaxes que representou esta unión de Ferrol e Serantes, que aportou unha ducia de parroquias cunha historia de seu descrita nesa publicación, o mesmo que o ricaz patrimonio artístico e heráldico, o abondoso patrimonio natural, patrimonio relixioso e os santuarios (Chamorro, Santa Comba), o patrimonio arqueolóxico (Lobadiz) e o etnográfico (Lagoa de Doniños, cruceiros e muíños), entre outros.     
A creación do novo concello significou unha gran ocasión para a expansión e o crecemento de Ferrol –ata entón un concello constrinxido á propia cidade de Ferrol, a vila de A Graña e a freguesía de Brión–, aínda que non se aproveitou o ben que se debera esta expansión e posiblemente non se tivo a axeitada atención desde o concello de Ferrol aos problemas da zona rural do novo territorio.  
Neste intre é cada vez máis necesaria certa cohesión municipal nunha Galicia que ten unha dispersión reflectida na existencia de 314 concellos, polo que semella de sentido común levar a cabo a unión dos concellos de Ferrol e Narón, que tanto poden ganar ambos coa mesma.
Sen negar os inconvenientes que se poden presentar –problemas de persoal, xestión de servizos comúns–, son maiores as vantaxes de crear un concello de máis de 110.000 habitantes, dentro dun amplo espazo urbano entre Freixeiro e Ferrol Vello, sendo o terceiro núcleo habitado de Galicia, despois de Vigo e A Coruña.   
Nun análise factorial da situación actual semellan moitas máis as fortalezas que as debilidades no que atinxe á creación da nova urbe e concello. Á contribución de Ferrol, ata de agora cabeceira da comarca, de súas infraestruturas do Porto Exterior, do estaleiro de Navantia e das sedes das administracións públicas, hai que engadir o emerxente despegue de Narón coa achega do terceiro polígono industrial de Galicia, Río do Pozo, unhas modernas áreas comercias e empresariais e un espazo urbano e residencial consolidado arredor da Estrada de Castela.
Os alcaldes de ámbalas dúas urbes teñen moito que dicir neste tema. Mentres o rexedor de Ferrol está a manter unha postura discreta, para algúns mesmo tímida, sobre unha posible e futura unión, o alcalde de Narón sostén una actitude negativa sobre o tema, con declaracións tan inefables como a de que hai “mil posibilidades antes da unión”.
O caso é que, tralos abondosos e continuados erros e desfeitas –corrupción e malgasto especialmente– dos sucesivos gobernos da Dereita civilizada e da Esquerda moderada, que entrambos ata de agora representaron moi dignamente á ampla maioría sociolóxica deste país, podería chegar ao poder un estrambótico grupo de iluminados que afondarían esta situación de crise.
Máis que PODEMOS, temos que pensar no que DEBEMOS facer.
jjburgoa@hotmail.com

 

FERROL E SERANTES, SETENTA E CINCO ANOS DE ANDAINA EN COMÚN

Te puede interesar