Na tarde do luns, asistín, no noso Centro Cultural Torrente Ballester, á inauguración da exposición Airiños Aires. Rosalía, organizada pola Fundación Rosalía de Castro co patrocinio da Obra Social “la Caixa” e a colaboración do Concello de Ferrol. Trátase dunha homenaxe á nosa grande poeta nacional a través de fotografías de Xurxo Lobato. Acudín por dúas razóns. A primeira, porque me interesa case todo o que ten que ver coa figura de Rosalía. A segunda, porque era unha magnífica oportunidade de poder saudar e escoitar tanto ao autor das obras que se expoñen como ao presidente da Fundación Rosalía de Castro, Xurxo Lobato e Anxo Angueira, aos que me une unha boa relación amical desde hai anos. Como a exposición, de carácter itinerante, estivo antes noutras localidades galega, xa tiña escoitado abondosos eloxios, que agora, unha vez vista dúas veces -porque volvín achegarme para desfrutala máis de vagar- podo dicir que lle fan absoluta xustiza. Abofé.
Escoitando a intervención de Xurxo Lobato no acto inaugural, notábaselle ás claras a súa afinidade coa vida e coa obra da poeta. Con aqueles elementos de materia orgánica ou inorgánica, rurais ou vilegos, interiores ou exteriores, tan presentes na vida da autora que acabou por inmortalizalos na súa obra. Unha reivindicación de Rosalía como muller galega. Aquí e agora.
Así mesmo, nas palabras de Anxo Angueira, percibíase que as fotografías de Lobato viñeran complementar o seu vasto coñecemento do mundo rosaliano. Como se pode ler no seu texto colgado como presentación da exposición, para el as imaxes do fotógrafo coruñés ofrecen múltiples texturas como a literatura de Rosalía. Por iso mesmo, pola súa multiplicidade, hai tantas interpretacións da obra rosaliana. Do mesmo xeito, sen dúbida, xa as hai e vai habelas da exposición. O que non ten discusión é que a paisaxe biográfica de Rosalía e a súa obra cobran vida a través destas espléndidas fotografías.
Como non vin as montaxes da exposición noutros lugares, non sei se a disposición das fotografías é sempre a mesma. En calquera caso, o espazo sempre condiciona o xeito de expor, cada espazo é diferente. E a ese uso dos espazos do Torrente Ballester quero dedicarlle unhas breves liñas. Chamoume moito a atención chegar á porta de acceso e, xa desde fóra, observar unha foto na que se ve a porta principal da casa da Matanza cunha das follas aberta que nos permite ver a coñecida foto de Rosalía de Sellier, que dá a sensación de querer funcionar como un convite da propia Rosalía a visitar a súa intimidade, abríndonos a porta da súa casa.
Unha vez que entramos na primeiras sala, batemos de cheo cunha soberbia imaxe do interior da coruñesa casa da Rúa do Príncipe na que moraron Murguía e Rosalía. A imaxe, acompañada do verso “negra sombra que me asombras”, co seu xogo de claroscuros, confírelle un novo significado ao coñecidísimo poema. Para min, esta foto por si soa abondaría para reflectir a vida e a obra da poeta. Os seus tormentos.
Mais a exposición ofrece moitísimo máis. Quen visite a exposición poderá observar o contraste entre a forza da pedra e a fraxilidade do ser humano, do mesmo xeito que os contrastes entre as paisaxes que a poeta habitou. Tamén a controvertida relación da poeta coa relixión se percibe ben ás claras en diferentes imaxes. A interrelación entre os fragmentos poéticos e as fotografías ofrece un novo diálogo cunha obra que pola súa dimensión e recoñecemento parecía difícil establecer. Non obstante, aquí plásmase graficamente unha lectura de Rosalía, ampliada e agrandada. Convidados quedan todos a visitala. Por non dicir obrigados.