Menos leria e mellores resultados

Opresidente da Xunta faise propaganda destacando que os galegos e galegas teñen dous mil euros menos de débeda pública que a media dos habitantes do Estado español (EE), e que ademais, esta é máis reducida na porcentaxe do PIB. Vale. Mais esquece comentar que a nosa renda por habitante é das máis baixas, e que o PIB galego, en porcentaxe, é cada vez menor en comparanza co do EE. Sen ignorar que ter unha débeda reducida é positivo, tampouco se pode pasar por alto que esta non ten o mesmo efecto nunha economía que vai a menos, como a galega, que noutras que amosan perspectivas de crecemento en todos os aspectos. A alta taxa de emigración e desemprego, a baixa natalidade, e o retroceso demográfico, reflicten con toda crueza que, para a xente, as expectativas son pesimistas. E isto é realmente o transcendente.
Tampouco se poden ignorar as argucias contábeis, no referente á débeda. Por exemplo, a construción dun hospital con financiamento privado como o de Vigo, malia que se trate dunha hipoteca que se transfire aos futuros gobernos. Un modelo de xestión que deixa importantes beneficios aos capitalistas, e que temos que pagar todos e todas. Nada menos que 1.400 millóns de euros en 20 anos. Acaso isto non é unha débeda pública? Resulta evidente que si. Mesmo así, a UE permite, para canear o límite fiscal europeo do 60 por cento do PIB, estas prácticas favorábeis ao gran capital parasitario e privatizador do sector público. Dado que Bruxelas olla con lupa estes temas, hai que traducir o consentimento como dar folgos a estes métodos. 
Agora ben, a débeda pública do Estado no seu conxunto supera o 100% do PIB, algo que teremos que pagar todos e todas. Daquela, a disciplina fiscal de Galiza vale de ben pouco, a non ser para que o presidente da Xunta bote peito diante doutras autonomías e nacionalidades. 
O importante non é ser un exemplo nos recortes e na disciplina fiscal, senón en propiciar o desenvolvemento e unha distribución xusta do traballo e da riqueza. E, en ambos os aspectos, a Xunta está entre os gobernos con peores resultados, como indican o retroceso demográfico, e o aumento da precariedade e da desigualdade. 

Menos leria e mellores resultados

Te puede interesar