DE ESPINOSA A SALGADO

|

As derrotas sempre son amargas e necesitan de culpables que paguen polo desastre, como nos equipos de fútbol, resulta máis cómodo e económico desfacerse do treinador que do cadro de xogadores. O símil vale para o PSdeG e o Bloque, que chegaron ao Goberno galego de casualidade e non souberon rendibilizar a vitoria. No caso dos socialistas resultou máis sangrante a derrota, porque o  suposto líder, Touriño, non sabía nin en que mundo vivía, de aí que fose unha marioneta, e máis chistoso foi que os nacionalistas bailasen aos ditados dun monicreque, o que non gustaba nas filas do Bloque, quen agora está pagando aquela mala actuación de sombras chinesas.


No PSdeG pechou de calquera maneira o relevo do seu secretario xeral por un membro da facción socialista no Goberno que non destacou precisamente pola súa brillante acción no comando de San Caetano. Pachi López, como lle chamaba Touriño a Vázquez en público e en privado, pasou polo asunto da xestión do ambiente galaico co único logro de crear unha federación ambientalista para contrarrestar aos ecoloxistas de toda a vida, que lle amargaban a vida co raposo e as zonas verdes. Tampouco fixo amigos no partido, que pasaron de todo na derrota e deixaron que fose el o que levase o peso da oposición. E que os socialistas son moi listos e agora lanzan o efecto Espinosa.


A antiga ministra do sector primario de Zapatero aparece aquí como a salvación. E vén salvar o partido a unha semana do congreso. Se de verdade vence a Vázquez é que ao PSdeG tanto lle ten un gato como un can. Se esta muller é capaz de convencer da súa valía aos militantes ou é que é unha muller de grande carisma ou simplemente é un novo aborregamento das masas. En seis días non se percorre toda a comunidade para presentar o seu proxecto, do memo modo que nunca apareceu por territorios galaicos tras a derrota do PSOE en Madrid.


A aposta de Caballero por Espinosa non deixa de ser un mal deseño. O vigués levou ao partido aos seus peores desastres electorais na comunidade, el mesmo nin sequera logrou a maioría na cidade olívica, chama a atención que aínda teña predicamento nas bases, porque nin como ministro foi un fenómeno. Quero pensar que a opción Espinosa non veña dada pola teima de manter á protexida Carmela Silva con dous cargos, un en Madrid e outro en Vigo, en contra do disposto e aprobado no último congreso do PSdeG.


Dá a impresión de que os socialistas galaicos optan polo madriñelismo político, de traer personaxes de alén do Padornelo para facerse coas rendas dos asunto de por aquí. Caballero e Touriño foron dous exemplos, aínda que os seus resultados foron de pena. Se fracasa Espinosa, seguro que traerán a Elena Salgado, que disque é galega.

DE ESPINOSA A SALGADO