A poesía
emerxe do corazón,
enfrontándose
á liberdade do poeta
Adormece o día coa negra sombra dos soños. A noite facendo malabares aparece pola trasmontana do Ancos e eu tal bardo celta recitando a Rosalía, aquela valente muller da tribo, bálsamo da amañecida, veleiro que navega ríos, mares e océnaos levando no mastro a enxebre esencia da Nosa Terra.
O pasado 24 de febreiro celebrouse en toda Galicia e no resto do mundo onde houbera un galego de corazón e de alma o Día de Rosalía. Tamén neste ano cúmprese o 150 aniversario da publicación de “Cantares Galegos”.
Rosalía de Castro, tal que a nosa Galicia: dor, duzura, drama, paixón e Poesía. Negra sombra que me asombra. Unha das persoas máis representativas e simbolizadoras da liberdade e da literatura galega.
Poeta universal de profunda raíz, exemplo de galeguidade con alma de muller galega e loitadora na que tanto influíu o sentir dun pobo asoballado: Este vaise e aquel vaise / e todos, todos se van: / Galicia, sen homes quedas / que te poidan traballar. Tal que hoxe, negra e longa sombra. Rosalía de Castro, poeta da inmortalidade.
Voz do presentimento, da conciencia e da sabedoría. Dos náufragos, dos emigrantes, dos que loitan na rúa, dos que caen e se erguen. Voz do Pobo Galego.
Rosalía de Castro, artífice do rexurdimento, á que don Miguel Revestido Rodilla (Ferrol (¿)1892 – Buenos Aires 1938), importante poeta, escritor, músico e periodista dedica no seu poemario “Flores de Otoño” editado no estudio gráfico de Humberto J. Estrach, en Buenos Aires, en 1923, un poema titulado “Santa Rosalía de Castro” cuxos últimos versos rematan con fervorosas pregarias: Dulce Rosalía, la del buen falar, / Galicia en sus labios lleva su cantar. / Pide por Galicia, mi santiña buena, / Haz que al fin se rompa su fuerte cadena.
Xa noventa anos pasados da petición e desexos do poeta emigrado Revestido Rodilla, Galicia segue, senón encadeada, si esquecida e asoballada.
Rosalía de Castro, a quen a Asamblea Xeral da Unión Astronómica Internacional decidiu – a petición dun grupo de alumnos do instituto Fernando Esquío de Neda, dirixidos polo profesor Enrique Pujalte – denominar un cráter de Venus co nome da autora de “Cantares Galegos” e “Follas novas”. Un buraco de vinte quilómetros aló nun lonxano, pero determinado claramente no mapa planetario, que leva o nome da Divina Rosalía. Aí é nada. Ben, por Rosalía e por Neda…
Sobre a poesía dicía o filósofo grego Aristóteles, que é máis profunda e máis filosófica que a propia historia; e o meu querido amigo o poeta e escritor lugués Isidro Novo dicía que é a “Gran Emoción”. Eu acordo con ambos.
Tanto ao poeta como ao lector debe de interesarlles, cando menos, a profundidade e a emoción da composición. En canto ao poema, debe encender sentimentos, cando menos a curiosidade.
Escritores e poetas deben ser e son curiosos. Estar e vivir mesmo onde o pobo vive. Amar e sufrir con el, camiñar pola mesma ponte, durmir baixo o mesmo ceo, beber das mesmas fontes; anque tamén é certo que excelentes poetas viviron e escribiron illados totalmente.
A poesía deberá ser –anque non sempre sucede– escrita por damas e cabaleiros sen espada (a capa á escolla de cada quen). As únicas armas na defensa da liberdade, da igualdade e da paz da colectividade son a palabra e a pluma.
Os poetas teñen que ser responsables e sinceros nas composicións, manifestando en voz directa ou letra impresa honestamente os seus sentimentos e os do pobo, como fixo Rosalía e tantos máis.
Defendo a poesía brava e rebelde. Aquela de temática comprometida e reivindicativa, buscando o poder e a eficacia da palabra, observando sempre o miúdo, pero tamén o magno, o que engrandece a paixón. A da explosión emotiva. A da beleza da alma e das cousas. A do amor. E, por que non, a do desamor?
Escribimos coa esperanza de nos atopar ante a maxia da musa. Coa esperanza de atopar o verso culto e certo. Aquel que erga o ánimo, que faga pensar ao lector, entrecruzando con el os nosos sentimentos.
A poesía nunca morre. Todo o tempo do mundo é para o inmorrente soño da vida onde a palabra flúe brava ou manseliña. Os poetas non debemos ter medo (Rosalía non o tivo) a berrar na contra das inxustizas. Tampouco a sermos felices e tratar de facer felices aos nosos semellantes.