Pensións, facer xustiza

Segundo a ministra de Traballo o aumento do IPC nas pensións está asegurado, non considera viábel subir o mínimo a 1.080 euros por mes, e non rexeita que se complementen os ingresos con partidas dos orzamentos. Ou sexa, unha de cal e outra de area. Sen dúbida, a problemática das pensións non é un tema doado, máxime cando se pretende desligar dos salarios as cotizacións, e non se diferencian as contributivas daquelas que non o son. 
O que carece de lóxica é que a pensión mínima sexa superior ao salario mínimo, ou que a media das xubilacións das persoas que cotizaron estean por debaixo das que nunca o fixeron. Estes son puntos de partida. 
Como tamén o é, que non se pode aceptar que se subvencionen as pensións privadas, ou que existan tarifas planas, que favorecen a empresas e autónomos, cando ten déficit de ingresos o sistema público. 
Agora ben, unha cuestión son as pensións, que derivan das cotizacións, e outra realidade distinta son as axudas solidarias ás persoas dependentes que non cotizaron, por razón de idade, ou algún tipo de eiva. Neste caso, o razoábel, é que prestacións se fagan cos recursos dos orzamentos xerais, ou de impostos específicos. 
Tamén se debería fixar cal debe ser a prestación mínima coa que se garanta unha supervivencia digna, tendo en consideración se a persoa beneficiada ten outro tipo de ingresos ou recursos.  
Mais, aínda facendo un obxectivo da solidariedade á dependencia, e de garantir as pensións, resulta evidente que a solución está no reparto do traballo e dos ingresos, ou sexa, nas condicións laborais, tendo en consideración que máis dun 80% da poboación ocupada realiza traballos por conta allea. O principal problema co que se atopa hoxe o sistema das pensións é que a media salarial e ás horas realizadas son inferiores as de hai unha década, malia que o PIB xa está por riba do daquel intre. 
A cuestión radica na precariedade e na desigualdade, en que a se traballan horas polas que non se paga e cotiza, na fraude, en que cada vez a riqueza está máis concentrada. Haberá que poñerlle remedio, é difícil encher o xerro, cando ten buratos por todos lados. 
Tampouco é unha solución, como algúns propoñen, suplantar as cotizacións cargando todo o gasto aos orzamentos. Xa que, neste contexto e nesta correlación de forzas, onde os máis ricos pagan cada vez menos impostos e a marxinación e cada vez máis grande, aumentaríase presión fiscal á clase traballadora. Non parece que sexa o momento para cambios formais, senón para gañar en xustiza. 

Pensións, facer xustiza

Te puede interesar