Os máis desvalidos ante o mal do Covid 19

A medicina historicamente asentou fundamentalmente en catro clásicos actos médicos: inspección, palpación, percusión, auscultación. E eses tiñan de seren absolutamente persoais e presenciais por parte dos entendidos nesas artes do curar e coidar. Só en casos de imposibilidade física se podían recibir orientacións supletorias a distancia. Pero iso sempre con carácter extraordinario e mentres non se podía chegar coa atención profesional sempre presencial, (con presenza e achegamento físico), e logo con derivación, se for do caso, a centros especializados: “veu o médico e ‘hai que saír’ ”, dicían con bágoas na miña infancia. Naturalmente a escoita activa e empática do propio paciente e contornas familiares non poden faltar nunca. 

Agora coas novas tecnoloxías certamente avanzouse moito e cómpre abrirlles a porta grande ás novas potencialidades naquilo no que realmente sexan capaces de humanizar e facer mellor a atención e os coidados. Dáse en chamarlle TELE-MEDICINA. O prefixo grego, têle, é un elemento de formación de palabras que significa lonxe, ao lonxe, á distancia: tele-asistencia, tele-fono, tele-visión, tele-dirixir, etc. Pero ten máis vocación, ao parecer, de tele- lonxanía, distanciamento, invisibilización, ocultamento, non escoita, silenciamento, etc., que do segundo elemento: -medicina. 

E mira por onde o mercantilismo xa atopou unha trapela para facer unha asistencia a distancia, principalmente na atención primaria e para os sectores populares e para máis pobres. “A teleasistencia dos tempos da pandemia chegou para quedarse”, dixo o Sr. Feijoo. Que regalía se fose verdade! Pero con verdade verdadeira. Unha mínima anamnese é necesaria. Pero agora nestes casos case sempre xa é só unha heteroanemnese por aproximación.

Pero, a que modelo invoca el e a cal se está a referir? Sexamos realistas e preguntémonos por algo tan elemental: Como se está a facer agora mesmo? Porque non é un concepto unívoco nin moito menos unha realidade inocente: (in-nocens, que non fai dano). 

Os poderosos e os economicamente ben situados terán sempre acceso directo á medicina privada ou mediante pólizas de seguro para iso hai que ter medios económicos para subscribilas e pagalas. E os débiles? E os pobres? E os empobrecidos?

Os máis desvalidos ante o mal do Covid 19

Te puede interesar