Nabo, nabiza e grelo

|

Do nabo sae a nabiza / da nabiza sae o grelo. / Nabo, nabiza e mais grelo, / a trindade do galego. / Son tres persoas distintas, / e un só Deus o verdadeiro”. Di o adaxio popular, con esta e outras variantes, acerca destes tres produtos de tanto rendemento dentro da nosa cultura gastronómica. A nabiza, primeiro abrocho do nabo –planta crucífera nacida baixo terra, destinada para alimento do gado– e o grelo, nacido daquel e anterior á floración, son ben habituais nos nosos pratos, quer a través do tradicional caldo, quer a través do lacón con grelos do inverno. E non só. Tamén están as típicas ensaladas de grelos, co seu rustrido, alén doutras solucións culinarias máis actuais: con polbo á grella, en lasañas, croquetas, tortillas, revoltos, etc. para delicia dos padais máis exixentes. 
“Meu caldo, meu grelo, teño gran pracer en velo. / Nada hai máis rico que o caldo, / que o caldo do grelo, / que o grelo do nabo”, dicían os Petapouco nesa canción tan naïf como básica en alusión ás excelencias do noso caldo e que vimos a descubrir que se cadra escondía unha segunda intención que, inocentes de nós, realmente nin chegaramos a pensar, ao aprendérmola na nosa infancia. 
O nabo, si, sabémolo de vello, tamén serve para designar o órgano sexual masculino, pero non que “El clítoris es uno de los productos típicos de la cocina gallega. En Puentes homenxéaselle desde 1981, todos los domingos de Carnaval, con rapini, Feria que, con el patrocinio del Consejo de Puentes, de apoyo a los agricultores de la región, hace del clítoris uno de los productos estrella de la gastronomía local” –versión deturpada ao español desde o galego que estivo pendurada na web do concello pontés, segundo o xornal The Guardian, durante varios meses–. 
Un tradutor automático, neste caso de Google, parece ter sido o causante deste  desconcertante malentendido. Pero, como non hai mal que por ben non veña, ben certo é que a publicidade que a Feira do Grelo das Pontes ten atinxido a través deste erro, puido supor todo un lanzamento mesmo a nivel internacional, de modo que no Domingo de Entroido deste ano non deixaremos de acudir ao citado evento, pois de seguro que non han de faltar sorpresas. 
Non obstante, a queixa formal que disque a portavoz municipal poida que eleve á empresa estadounidense –esta xustifícase con que os patróns de busca automáticos son realizados en centos de millóns de documentos para decidir cal é a mellor acepción en cada caso e non necesariamente a que ache ten por que ser a máis adecuada– pode ser debida a que precisamente non existe factor humano que interveña, senón que é o propio sistema o que automaticamente tería que recoñecer o idioma e non incorrer en erro. 
A anécdota ten que ver con que a palabra ‘grelo’ –tan galega como portuguesa, dígase por outra parte, nome da citada planta crucífera que é igualmente consumida alén Miño– conta para a variante lingüística veciña cunha segunda acepción vulgar, que si ten correspondencia coa designación que pode recibir a susodita parte dos xenitais femininos, o ‘clítoris’. 
A noticia deu rapidamente a volta ao mundo e foi motivo de brincadeira nos máis diversos foros, sobre todo nas redes sociais, sen tampouco se poderen subtraer a ela algúns dos nosos máis importantes humoristas. Ao concello pontés, no entanto, non lle fixo tanta graza, de aí a queixa que ao final disque ha de levar a efecto. 
No campo da tradución, a noción de fidelidade constitúe unha das cuestións fundamentais e máis debatidas, termo ambiguo el ao ter sido habitualmente confundida a fidelidade e a equivalencia. Así pois, os lectores poden xulgar que o texto de chegada ha de ser unha imitación do texto de partida. Porén, San Xerome xa nos advertía: “É o sentido o que hai que traducir, todo o sentido, mais non as palabras”. Logo a fidelidade, deducimos, é unha responsabilidade que emana do propio tradutor. O obxectivo do tradutor é ofrecer un produto de calidade similar ao do orixinal, e o tradutor na súa tradución tenta transmitir “a súa lectura” do texto fonte. En consecuencia, a célebre sentenza “traduttore, traditore” cobra aquí pleno sentido, debido á deturpación exercida ás veces polos tradutores a partir do texto fonte. 
A procura dos universais lingüísticos –obxectivo ben difícil de atinxir– ten sido un empeño desde o séc. XIX, isto é, o das regras concisas que puidesen ser válidas para todas as linguas. 
A “tradución automática”, como vemos, continúa a obter paupérrimos resultados. Con todo, dicía Castelao, grazas a que somos humanos foi que transcendemos para alén da escala dos animais, que si ficaron na linguaxe universal. O ser humano forxou a súa personalidade, logrando culturas e linguas diferentes debido á súa intelixencia, e evoluíndo así dentro da escala racional. Ora, se errar é humano, qué non lle restará a unha vulgar máquina, que nada ha de saber acerca de elementos culturais nin xogos de palabras, para finalmente, coitada!, non vir a confundir clítoris con grelos.

Nabo, nabiza e grelo