REMEIROS

Antes, as palabras previas a un banquete de empresa, comezo de curso, inauguración de sedes etc., tiñan como cerne o reseso lugar común do: “Imos todos no mesmo barco, e xa que logo a nosa singladura é a mesma, e tal e tumba”. Hoxe o discurso que percorre Europa, ao menos a dos mercaderes, a que temos a desgraza de que nos dicte o son que debemos bailar, é que debemos “remar todos na mesma dirección”.

Remar, cousa simpática que aprendín a facer na ribeira de Xuvia, cando xa non está o Xuvia, que ficou atrás pasada a ponte. Os meus mestres xa non os lembro, pero quen me ensinara as palabras elementais do mundo do remo (estrobo, tolete, ciar) foi o gran Luís Torres Foira, quen como nos veráns ía a O Chazo, alá polas Rías Baixas, dicía “risón” en canto de rizón.

Así que moito andivemos en chalana (ás veces tamén en lanchón da area ou en motora) pola nosa ribeira. E aprendimos, sen que tivesen que vir os mercados nin os políticos recesos contárnolo, que os remeiros teñen que ir no mesmo senso, claro, que se non é loucura, pois se un cía e outro vai avante acabarán nun circo tan infernal como aquel de “Luces de Bohemia”. Mais o que me malicio é que estes caralláns de mercaderes o que pretenden é que rememos, non en chalana ou piragua, senón de galeotes nas galeras aquelas de “Ben- Hur”, cun cachimán ou capataz batendo nos nosos lombos cos chicotes. En España, neste momento, cos do IRPF. ¡Remar na mesma dirección! ¡Manda nabo!

REMEIROS

Te puede interesar