Jorge Cabezas is Back!

|

Fundación Luis Seoane ofrece o proxecto expositivo “Jorge Cabezas is Back”, que se comenzou a xestar no ano 2013 e no que colaboraron Antón Reixa, Juan Rodríguez, Eduardo Hermida e Carlos Pita. Facéndolle un chisco ao sexto álbum de Elvis Presley, Jorge Cabezas ( A Coruña, 1972) “ está de volta” para que( tras un obrigado paréntese) un importante conxunto do seu quefacer poida ser admirado.
Composta como un xigantesco mural de 55 pezas, a mostra da fe da singular forza plástica da obra deste artista, na que a figuración convive coa abstracción, o sígnico co xestual máis espontáneo, as formas sinxelas a miúdo reducidas a símbolos coas máis elaboradas, as manchas diluídas e soltas cos espesamentos matéricos achegados as veces do art brut; tamén mestura o seu propio universo experiencial coas referencias a admirados mitos da plástica, como Picasso, Jorge Castillo ou Henry Moore.
No caso da figuración, é case toda ela de corte expresionista e garda certas semellanzas cos plantexamentos do grupo Cobra que querían recuperar a espontaneidade e a gracia da pintura dos primitivos e dos nenos. Mediador ou mesmo medium entre o lenzo e a vida vivida ao límite, síntese como esta escorrega polos cadros levada polo pulo tremendo da súa man, que debuxa escuros boxeadores enfrontados no branco círculo do ring, fai pasar vertixinosas motos soltando negra tinta no areoso espazo ou trae das augas turquesa de mestos mares ringleiras de cooridos peixes.
A vida é tamén para él como unha páxina en branco que se vai lixando paseniñamente, como ocorre no lenzo titulado “Libro de artista”, no que se abren as secretas e senlleiras páxinas do vivido e quizais incomunicable. Hai cadros que falan de estar en agarda de algo inusual, como sucede en “Rianxeiro”, que representa a un home nú sentado cun extrano e xigantesco froito vermello na man; tamén está en espera, quizais da inspiración, o protagonista do cadro “Pintor” que aparece no chan a carón dun branco lenzo, como meditando na idea que quere plasmar. Outras veces simboliza a eterna peregrinaxe da humanidade, como queda patente en “Comenzo dunha viaxe infinita”, na que un home montado en bicicleta atravesa unha longa ponte negra que parece suspendida no baleiro, mentres se protexe con paraugas da chuvia que cae dunha ameazadora nube.
Cada cadro seu é un desafío, un plantexamento novo no que liñas e trazos falan de desbordante enerxía, de pura vitalidade que se manifesta nun repertorio de formas, como copas, buxainas, fumadores, ciclistas, caretos de persoaxes, peixes, sillas, casiñas e tantos outros que remiten ao universo coñecido, como en arela de se apropiar del por medio da maxia propiciatoria do signo. As casiñas especialmente do cadro “Bucólico pastoril” remiten a ese arquetipo de recinto protector que ten a casa no debuxo infantil. I é unha casiña edificada para salientar tal motivo a que acolle o documental de Reixa e A. Segade, no que se vai desvelando o seu ser.

Jorge Cabezas is Back!