A irresponsabilidade da CUP

|

Josep Tarradellas dicía que na política podía facerse de todo, menos o ridículo. No actual contexto catalán, pódese ser prounionista, proindependentista ou mediopensionista. O que non se pode é confundir a política co exercicio maximalista do programa último. Co  exercicio do “lo quiero todo y lo quiero ya”.
A CUP obtivo un bó resultado (8,21% e 10/135 deputados) nas eleccións catalás de setembro do 2015, rendibilizando deste xeito a súa honestidade e as dúbidas ambivalentes de Catalunya si que es Pot. Rexeitou investir a Màs e, en troques, acordou con Junts per el Si un pacto de estabilidade para a lexislatura, que permitiu a investidura do president Puigdemont.
No debate orzamentario deste día, a CUP uniu os seus votos aos de C’s, PP e outros para vetar o Orzamento do 2016. Un Orzamento debullado dende os alicerces pactados en xaneiro polas dúas coalicións e que  implementaría un cobizoso programa social de 870M€ contra da pobreza.  Cál foi a reacción dos dirixentes da CUP? Varios confesaban que se lles fora a mán e que nunca pensarían que fose tan grave vetar o Orzamento, mentres o deputado Antonio Baños, cabezaleiro pola circunscrición barcelonesa, avergoñábase de coincidir votando co dereitista radical Xavier García Albiol.
O que subxace a este episodio desgrazado é a confusión entre ideoloxía, estratexia e tácticas que abrangue agora unha curta maioría das CUP, mais que  trunfou  en determinados intres históricos en formacións variadas da esquerda europea, mesmo na Galicia. Transformar un País, construir alternativas de goberno á dereita conservadora, require de amplas converxencias, mais tamén de diagnoses realistas e programas realizábeis. O outro só xera frustración, retracción abstencionista e oportunidades para que nada mude e manden os de sempre.
O galego na xustiza é útil e práctico
Xuntouse en Monforte a asemblea anual da Irmandade Xurídica Galega, que integra centos de fiscais, xuices, avogados e funcionarios que adoitamos usar o galego na vida xudicial cotián. O proceso de normalización da lingua na Xustiza non avanza de modo polo centralismo na organización do Poder Xudicial. Usar o galego na Administración de Xustiza é  útil, práctico e normal.
 

A irresponsabilidade da CUP