E por que non? Despois de dúas outra máis. Eu non vexo que haxa que rachar as vestiduras por volver a votar outra vez dentro de seis meses. De calquera xeito, votar é unha práctica democrática que estivemos moitos anos sen poder facer e, xa que logo, exercitar a democracia é unha boa cousa. Eu non quería votar unha segunda vez, pero houbo que facelo porque quixeron eles; pois basta que eles non queiran, para que queira eu que se volva votar, a ver se desta atinamos. Seica agora non lles convén e poñen de desculpa o custo para “as arcas do Estado”. Pois mirade, total por un pouco máis... E se poñen aos parados nas mesas, serían cartos ben empregados, que eses non teñen contas en Suíza. Ademais, coa terceira votación quedaría moi claro que este país ten unha clase política que non hai por onde collelos, o mesmo os vellos, os de sempre, ou os novos, que ían facer, desfacer e acontecer e resulta que nin arre nin xo. Veña home, a votar, que isto é unha festa! Ou non?