de sempre Galicia foi considerada terra de emigrantes. Desde o século XIX a crecente emigración foi un fenómeno característico que tivo un impacto salientable na poboación galega. Porén, a industrialización producida nese século non canalizou a emigración do campo ás cidades galegas, máis ben provocou unha saída masiva de galegos cara a América.
Esta emigración, dirixida especialmente a Cuba, o Mar da Plata (Argentina e Uruguay) e México, lugares a onde viaxaron moitas familias galegas, proseguiu o século XX, cunha certa continuidade mediado século cara as nacións europeas, singularmente Suiza e Alemania, onde tivo lugar un forte crecemento industrial.
Dentro de Galicia, a cidade de Ferrol foi un caso singular: foi más terra de inmigración que de emigración. Desde o seu nacemento como cidade naval recibiu unha inmigración de aluvión, tanto de ingleses, especialmente no terreo da industria, e franceses, no campo do comercio, como de empregados e traballadores do Arsenal procedentes de diversos lugares de España, ademais dos propios membros da Armada. Foi tamén significativo o caso dos numerosos canteiros procedentes de diferentes localidades galegas e dos pedreiros portugueses.
A historia de Ferrol e a súa comarca mostra como a industrialización xurdida a partires do século XVIII, moitas veces derivada das propias actividades do Arsenal e dos Estaleiros da Armada, levou á creación de diferentes fábricas, desde o curtido do coiro e a produción téxtil ata a salgadura do peixe, que foi seguida pola crecente presenza de artesáns, traballadores e comerciantes de diferentes lugares de España.
Caso singular foi o dos maragatos, cuxa presenza en Ferrol comezou cando foron empregados pola Coroa para trasladar os fundos para o pago das obras e os soldos do persoal destinado no Arsenal de Ferrol. Tamén traían a Galicia o viño, os embutidos e os produtos da matanza, regresando logo a Castela, e de paso levando a Madrid polbo, peixe, salgaduras e outros xéneros.
Os maragatos, ao principio coñecidos como recueros, pola utilización de recuas de mulas, e logo como arrieiros, empregaron carromatos conducidos polas propias mulas. Coa chegada do ferrocarril no século XIX, practicamente finalizou a arrieiría maragata, polo que moitas familias fixéronse comerciantes estables en moitas localidades galegas, singularmente en Ferrol, desde finais do século XIX. En Ferrol quedaron os seus apelidos, Botas, Fuertes, Alonso, Blanco, Crespo, Salvadores ou Calvo, como lembranza da súa presenza na urbe.
Non embargantes, a maior presenza numérica de inmigrantes en Ferrol foi realmente debida aos cataláns, que, como lembra Xaime López nos seus traballos, deixaron unha forte pegada na historia, na economía e na vida social ferrolá, moitas veces establecendo sólidos lazos familiares na nosa cidade, como pódese ver consultando o Arquivo Municipal de Ferrol e o Arquivo Parroquial de San Xulián.
Foi especial o caso do apelido Plá, moi común no Principado de Cataluña e profusamente estendido con posteridade en Ferrol. Dese xeito temos o caso de Plá y Monge, de onde procedeu o futuro marqués de Amboage; seguido dos Plá y Cancela; Plá y Frige; Plá y Puig; Plá Acosta e Pla Izquierdo, que desenvolveron o seu traballo en diferentes ramas do comercio, da industria, da Armada e da administración municipal.
Outros apelidos coñecidos de cataláns que chegaron como inmigrantes a Ferrol e a súa comarca foron os Albanell, Aulet, Carbonell, Comellas, Comerma, Domenech, Fabré, Fort, Jofre, Lloberes, Maristany, Pons, Serracant, Torrens e Vendrell, entre outros máis. Moitos deles deixaron descendentes que continuaron o seu labor no comercio, na industria, na cultura e mesmo na política. Segundo escribe a prensa, unha entidade ferrolá ven de editar unha publicación sobre os maragatos en Ferrol; sería de interese que alguén tratase o tema dos cataláns en Ferrolterra