Lino Braxe

Moi caladamente, sen avisar, fóisenos Lino Braxe, iso si, deixándonos moi vivo na memoria o recordo da súa bonomía, do seu permanente -ou case- sorriso, aberto, franco, mesmo nos momentos duros, de grandes doses de amizade verdadeira -ese ben a cada paso máis escaso-, do seu señorío de vizconde de Mandiá, do seu saber estar no mundo, do seu quefacer en todas as facetas -tantas- nas que desenvolveu a súa actividade: locución, dobraxe, recitado, interpretación teatral, televisiva, cinematográfica, musical, dirección dramática, xornalística, poética... Poeta sempre.

Coñecino nas instalacións de Riazor do Colexio Universitario da Coruña, onde eu era profesor, cando se matriculou en Filoloxía, carreira que abandonou. De feito, eu impartía docencia no terceiro ano e nunca o tiven como alumno. Mais si teño falado moito con el e mesmo fomos contrincantes xogando fútbol sala nalgún partido entre profesores e alumnos que tiñan lugar, nunha das polideportivas de Riazor, con ocasión dalgunha das festividades patronais escolares. Por certo que ningún dos dous eramos excesivamente virtuosos. Alí descubrimos que eramos parentes. Polos Gelpi de Mugardos, apelido que levaban seu pai e meu avó materno. Nas respectivas casas familiares confirmárannos esa relación sanguínea. E como parentes e mugardeses -aínda que eu non nacín en Mugardos- nos tratamos sempre.

Son moitos os momentos que teño compartido con Lino. Gardo magnífico recordo duns cantos, mais, como o espazo obriga, só me vou referir a un encontro de hai case oito anos, que, ademais, foi case casual. Un bo día recibín unha chamada dun vello e querido colega e amigo residente en Vigo, Modesto Hermida, na que me falaba de que ía ir a Ferrol á representación, no Jofre, da obra Rosa de dous aromas e que lle apetecería que eu tamén fose para poder tomar algo e conversar despois do acto. Pareceume boa idea e así quedamos en nos ver. Sabela Hermida -filla do amigo Modesto- e Isabel Blanco eran as intérpretes da peza do mexicano Emilio Carballido dirixida por Lino Braxe. Como Modesto lle comentara a Lino que quedara conmigo argallaron ampliar o círculo de conversadores e dese xeito fixemos un ben avindo grupiño de oito persoas que o pasamos do melloriño. Recordo ben que Lino andaba recuperándose das lesións da súa perna esquerda producidas pola perigosa caída que –desde o escenario ao foso– tivera no Pazo da Cultura de Narón en véspera da representación dunha obra que dirixía. Mais iso non lle restara vitalidade ningunha. Tarde-noite inesquecible.

Tiña previsto rematar con versos dun seu poema do que moito gusto, mais non o dei atopado no estado caótico no que se atopan os meus libros. Queda pendente.

Xa que logo, vouno facer - cambiándolle o ano-, para lles desexar un feliz 2021, botando man do remate dun artigo de xornal escrito por Lino cando o incendio da igrexa da Virxe da Barca de Muxía:

“Bó fin de ano a todos e a todas e que este 2020 desapareza canto antes das nosas vidas”.

 

Lino Braxe

Te puede interesar