Consumouse o Brexit. E agora?

|

Se facemos caso á maioría dos medios o Reino Unido vai ao fracaso coa saída da Unión, asemade destacan sobre todo a opinión daquelas persoas que optaban por se manter na UE, e os moitos problemas que se terá que enfrontar Londres. 

Son practicamente nulas as referencias a que a saída implica un paso atrás na construción da globalización neoliberal, que foi o modelo dominante nas últimas décadas, xa que deixa aberta as portas a que outros países sigan este camiño. Se cadra a actitude de Grecia non sería a mesma hoxe que cando aceptou as duras imposicións de Bruxelas para pagar a débeda a costa de recortes sociais e a perda de soberanía, xa que daquela todo se conxuraba para atrancar outras alternativas. 

Despois da saída do Reino Unido outros estados poden seguir o mesmo camiño. E, por forza, a UE terá que ofrecer un proxecto que ilusione e teña en consideración os intereses do centro e da periferia, da patronal e da clase traballadora, algo que semella pouco doado, tendo en consideración a historia e as tendencias hoxe dominantes na Unión. 

Non se pode obviar que a saída do Reino Unido fracturou tanto as clases populares como aos sectores dominantes, mesmo á inmigración residente no país, malia que se pretendese utilizar polos medios sistémicos como un aspecto determinante no Brexit. 

Os Estados Unidos alentaron este divorcio, xa que buscan benefiarse dun reaxuste das transaccións comerciais con respecto a Alemaña e países satélites. Mais tampouco se pode ignorar que dende a UE se lle dá azos á independencia de Escocia (un dereito que é incuestionábel), coa evidente finalidade de impedir o divorcio de Londres e agora conseguir cesións nas relacións comerciais futuras. En calquera caso resulta cuestionábel que a UE teña unha actitude sincera neste tema, porque iso implicaría estendela a outros territorios nos que está en disputa a soberanía, como Cataluña, así como noutros estados, mesmo en Francia e Alemaña se a crise do capitalismo se agudiza.

Bruxelas chama a fortalecer a pechar filas, e Francia a repensar a UE. En calquera caso o proxecto está tocado. A Unión Europea ademais dunha inmensa burocracia moi ben pagada, dos erasmus e da construción de infraestruturas pensadas para economía de escala e as grandes corporacións dos estados máis fortes, vive á marxe das problemáticas sociais, especialmente cando se dan nas nacións subalternas. Os organismos executivos están nomeados por minorías, e os lobbys empresariais teñen un papel sobranceiro. A UE está tocada, mantense porque non había alternativa.

Consumouse o Brexit. E agora?