Hai situacións que evidencian a fonda deshumanización que está a sufrir unha parte da sociedade por razóns alleas a eles mesmos. Dende a altura dos despachos oficiais deciden asepticamente, coa pericia do bisturí, sobre a vida e o destino de moitos seres humanos, que xa non teñen nada máis que dor, sufrimento e anguria.
Plantexan medidas que teñen que ver coa defensa dun modo vida e dun espazo económico, Europa, e moi pouco coas políticas sociais e solidarias coas que se nos enche a boca falando en defensa dos que sofren situacións dramáticas. Pero as accións emprendidas discrepan coa filosofía dos discursos programáticos. Todo para evitar a chegada de refuxiados, que supostamente ameaza nonseique piares básicos das sociedades occidentais. Lugares como Idomeni ou campos onde viven miles de seres humanos manifestan unha distancia sideral entre unha teoría social que brilla nos eslogans dos carteis da Carta da UE, e unha praxe reducionista, limitada e temerosa ante o diferente e o dramático.
Hacinamento, insalubridade, falla de servizos básicos, tensións son arames que coartan máis que a liberdade. Unha desesperanza que medra ante a ollada cómplice dos que toman decisións cunha evidente falla de compromiso humanitario. Hai nomes que levaremos para sempre na memoria da ignominia e do fracaso pola incapacidade de xestionar tanto as situacións estruturais como as accidentais, ligadas a movementos de traxedias humanitarias. Evidenciemos ese factor humano que debera motivar as nosas decisións. A calidade e a cantidade da resposta, falará de nós.