Nestas municipais temos a oportunidade de derrotar unha política de recortes, privatizacións e tramas de corrupción que resulta incompatible cos dereitos sociais da cidadanía. Hoxe votar ás candidaturas do PP supón aceptar resignadamente a violencia cotián contra a maioría feita de paro, precariedade, fraude e insolidariedade; preguntémonos que queda nesta cidade das promesas do PP sobre o dique flotante, a carga de traballo ou a diversificación industrial: queda a angustia das familias por chegar a fin de mes e o rego dunha emigración que lle rouba a vida e o futuro a Ferrol. Esta cidade, este país, necesita outras persoas para executar outra política, ousada por ser social e ética. Ferrol en Común aglutina en boa medida esa xente e ese programa para protexer á maioría da sociedade que vive e traballa en Ferrol, e ten a determinación de soster os intereses da xente traballadora aínda que iso alporice aos poderosos señores dos cartos, banqueiros, grandes empresarios, troika e demais suxeitos contrarios á democracia.