AUSTERIDADE DE PAPEL

|

Os orzamentos de Xunta demostran a realidade do engano no que estivemos sumidos estes catro anos de Feijóo na Xunta. Todo o seu gran logro foi reducir os coches oficiais, polo menos de cara ao público, por que no resta nada de nada. Vendeuse a austeridade a grandes gritos, como vivindo dos réditos mediáticos das anteriores eleccións. Se a anterior lexislatura foi tan austera, non se entende que agora teñamos que ir ao mínimo gasto e cunhas perspectivas de cota de desemprego elevadísimas. Aínda que isto último é o de menos, xa é un mal endémico: o paro forma parte da bandeira galega, ao igual que a muiñeira, aínda que a estrutura social galega é quen de asumir esas cotas estatísticas na economía profunda.

Din que aumenta o gasto social sen que se saiba moi ben o que é, porque se a sanidade hai que pagala, até os rescates é as ambulancias, xa me dirán en que queda iso do benestar, cando os fondos públicos vanse gastar en manter a estrutura administrativas sen sentar as bases do desenvolvemento. Menos mal que somos felices por natureza, senón seríamos un pranto continuo, porque asumimos e elevemos gastos que tiñan que desaparecer. Cando se vende que aumentan as partidas do Risga é que temos un problema de exclusión social que irá en aumento. Se somos pouca poboación e a maioría vive case na pobreza, somos un país que vai ao fracaso en cuadrienios baixo a austeridade de papel.

Non temos nada en que destacar, calquera dos sectores produtivos están en mínimos, aínda que se fagan viaxes polo mundo con empresas, como nos tempos do franquismo, cando ían vender produtos de calidade dubidosa, que non tiñan máis resultados que a sorriso europeo. Un barco franquista recorreu todo o mundo e chegou a EEUU vendendo coches, que nin eran Seat, pois os empresarios galegos van de viaxe da man da Xunta vendendo non se sabe que.

O que chama a atención é que cando sae un concurso público promovido pola Xunta o gañador sempre é unha firma madrileña. Non se entende que se leve de viaxe a Moscova a catro empresarios galegos vendendo os seus catálogos e cando se trata de se licite un servizo, obra ou o que sexa non resulte vencedora unha galega, unha desas que foron en peregrinación a vender o mesmo a Saigón. Parece pailanismo crónico: o mellor sempre ven de Madrid.

Unha empresa punteira, desas que non saen na prensa, domina todo o mercado italiano vendendo os seus produtos manufacturados. Nunca pediu axuda da Xunta nin foi de viaxe internacional pagado por San Caetano, simplemente con correos electrónicos e dúas viaxes polo país trasalpino e unha boa xestión foi suficiente para encher os supermercados daquel país con mexillóns. Moitas veces penso que a Xunta vive noutro mundo ou se dedica á propaganda das consellerías.

AUSTERIDADE DE PAPEL