BÁLSAMO DE CORDURA

EUROPA, na mitoloxía filla de Agenor, rei de Tiro, ou de Fenix (?), rei de Fenicia. Nai de Minos, Sarpedón e Rodamantes, esposa de Asterión, rei de Creta. Onde esteas, que triste debes estar. 
Á outra Europa, unha das cinco partes do mundo, a das nacións, a que navega capeando temporais entre o mar glacial Ártico, o océano Atlántico e o mar Mediterráneo. A nai do antigo continente, a ancorada por destino xeográfico de veciñanza e familiar con África e Asia. 
A que hoxe camiña con muletas, labirintos de tolemia de moi difícil saída, baixo unha cicloxénese político-económica explosiva programada e promovida por egoístas autómatas que dirixen a economía mundial para o seu beneficio durante centurias, resultado baldío xa que, aínda hoxe  non se deron fartos. Esperta Europa e mírate ó espello das realidades.
Para todos, bálsamo de cordura do que tanto precisamos. Para curar, principalmente, as feridas do corazón. Bálsamo que ogallá puidera aliviar; mellor, facer desaparecer o egoísmo, a inxustiza e o odio, e acadar a cordura, a prudencia, o siso; sentidiño común que tanto escasea…
A vostedes, gobernantes dun mundo que apodrece ante o seu devastar, por mor de tanto egocéntrico. Velaí o seu devalar agoniante, día a día, abuso tras abuso, maldade tras maldade. 
Cando mergullaremos na fondura dos mares as arcaicas ataduras que non nos deixan ir cara adiante? Cando arrancaremos as pesadas lousas da agoirante herdade común chantadas no eido universal? Cando, de verdade, suprimiremos as anacrónicas fronteiras, e xuntos, loitemos por un futuro no que a humanidade sexa o eixe común?
Como é posible que tropecemos mil veces na mesma pedra? Intúio que hai máis tropezos que pedras… e que seguiremos tropezando. 
Vaite mundo de oíntes sordos pululando infindos camiños que ao seu pisar, tal que o cabalo de Atila, vólvense totalmente ermos.
Son coma corvos acurralando nas pombas que só pretenden voar en liberdade, sen teren que pregar migallas, nin ser cazadas no seu propio nido. 
“Fardan” de vencedores. Adictos ao “Din”, manexan a macroeconomía dos países. Gobernan, sen  presentárense ás eleccións, a gobernantes, xuíces,  pobos enteiros. 
Non doen as persoas que ao mirar, case que sempre, ollan sanguiñentas ondas de angustia e de morte. Ondas feras que van e veñen afondando seres humanos (coma nós), que xamais emerxen. 
Millóns e millóns de refuxiados asoballados e famentos proclamando paz. Non máis guerras, nin armas para matar. Namentres, os amos da explotación espremen aos empregados en canto os seus corpos termen. 
Pensan que somos robots sen sentimentos. Que somos egoístas por pedir salarios dignos –nós os traballadores!!–, que os nosos fillos non comen como os deles e que non precisan de máis saberes que os necesarios para manexar máquinas que os faga cada día máis ricos. 
Nós, mulleres e homes de tódolos gremios, parados e xubilados, pregunto: non seremos culpables por aceptar amos no lugar de empresarios; por aceptar a políticos que defenden aos amos; por aceptar gobernos, que no lugar de estar ao servicio do pobo cren que somos da súa propiedade. Seus seguros servidores. 
Será que imos acomodándonos ao “pasotismo” indiferente das políticas sociais nefastas e ruinosas do presidente Rajoy e a súa orquestra? 
Será que imos habituandos ao sufrimento e a situacións difíciles, tal ”masocas”convencidos?
Como dixo don Mariano, agora reconvertido en filósofo librepensador que, “un vaso es un vaso y un plato es un plato” deixando por tan intelixente razón a máis de catro pasmados. Eu, un deles. Poida que a uns lles pareza unha frase babeca e a outros intelixente e acertada. Xa Pitágoras dicía que “non reproches ao xenio os seus frecuentes desvaríos. 
Si querido amigo Sidre, cantas veces á sombra das figueiras da horta de Manxapán falamos de que cada persoa é un mundo e cada mundo, escondendo o seu segredo, representa unha comedia diferente. Incrible, pero certo, como esquecemos a nosa propia historia e volvemos tropezar. Que sería da humanidade sen soños?

BÁLSAMO DE CORDURA

Te puede interesar