El fablar es clareza, el callar, escurezaRabí Sem Tob (Siglo XIV)
Neste intre Ferrol xa non é tan só a Cidade Ensimesmada. Hoxe é unha CIDADE NIN... NIN... NIN...; unha urbe que non ten nin Museo Municipal, nin Centro de Estudos Locais, nin Revista de Estudos Históricos. Ademais de Vigo, A Coruña, Pontevedra, Santiago, Lugo e Ourense, coa excepción de Ferrol, son moitas as localidades galegas, de Betanzos a Melide, de Pontedeume a O Carballiño, de Mondoñedo a Lalín, que dispoñen de prestixiosos Museos, Centros de Estudos e Revistas históricas que dan a coñecer a historia local, auténtico xermolo da historia do noso país.
No que atinxe á creación do Museo ferrolán, chámese Municipal, da Cidade ou Comarcal, é unha necesidade sentida por amplos sectores culturais da poboación. Non é agora o momento de dicir onde se pode instalar, como se pode sufragar, nin sequera precisar o seu contido.
Non obstante, é necesaria unha seria reflexión sobre o tipo de Museo que necesita unha antiga urbe nacida como vila de señorío medieval e que a partires do século XVIII, como cidade marítima e de reguengo, recibiu a pegada da Ilustración e o Modernismo.
Semella evidente que deberían formar parte dese Museo un conxunto de coleccións de pintura e artes plásticas malamente esparexadas por diferentes lugares da urbe, os obxectos referentes á Ilustración e ao Modernismo que marcaron a cidade, os relativos á Semana Santa e á festa das Pepitas, os elementos representativos dos usos, costumes e a cultura do traballo, os bens procedentes do relevante Patrimonio Industrial ferrolán, e moitas sinais culturais da cidade como son o Cristo da Tahona e o escudo de Ferrol da Ilustración, sen esquecer a lembranza das dúas rutas históricas da comarca, o Camiño Inglés e o Camiño Vello de Teixido. Resumindo, todo aquilo que permita crear un auténtico Museo da Cidade.
Este Museo debe ser o lugar onde estea a dispor dos estudosos a documentación histórica relativa a Ferrol, en especial a procedente do Arquivo Histórico Nacional e doutros arquivos, recollida durante anos para acompañar o paralizado expediente de Patrimonio da Humanidade, do que o próximo 26 de Febreiro se van a cumprir catorce anos da súa presunta iniciación.
Como complemento, cumpre a creación dun Centro de Estudios Locais, integrado por historiadores e investigadores da cidade, independentes do poder político, e a correspondente Anuario de Estudios, esa inexistente revista que recolla e difunda os traballos que atinxen á cultura ferrolá, e na que poidan escribir as moitas persoas dedicadas a pescudar a historia de Ferrol e a súa comarca.
Neste últimos meses un conxunto de cidadáns interesados no patrimonio cultural, mesmo algún deles pertencente ao Foro de Amigos de Ferrol (FAF), estiveron a promover unha campaña para que o Concello ferrolán e os partidos que o integran vexan a necesidade de poñer en marcha este Museo. Mentres un certo número de persoas a título individual apoiaban esta idea (aínda que con matices encontrados), foron precisamente aquelas entidades e asociacións que deberían estar máis interesadas neste tema (esas mesmas nas que vostedes están pensando), as que se amosaron máis reticentes ao apoio da iniciativa. Por miña parte, morreu o conto.
Acotacións dun FTV. Como coñecen os conspicuos estudosos da historia do Real Coro Toxos e Froles, o pasado 20 de Xaneiro deste 2015 cumpríronse cen anos da redacción do seu Regulamento e o próximo 30 de Xaneiro cumpriranse así mesmo os cen anos da aprobación do mesmo polo Goberno Provincial da Coruña.
Moitos Ferroláns de Toda a Vida, socios e simpatizantes da entidade, esperan que os cen anos de existencia do Real Coro non sexan esquecidos pola sociedade ferrolá, polo Concello de Ferrol e desde logo pola propia entidade cultural.
jjburgoa@hotmail.com