ACONTECEU CON ABRIL

Será certo que a primavera o sangue altera? O refraneiro raras veces anda falto de razón. Algo ha de ter abril, xa que logo, para que este mes depare aos pobos ibéricos senllos feitos sumamente relevantes na súa historia recente. Sucedeu en día catorce, no ano 1931, para España, e en vinte e cinco, do ano 1974, para Portugal. En ambos os casos, acontecementos esperanzadores, aínda que con resultados desiguais. A República española, por segunda vez proclamada, resólvese traxicamente en loita fraticida e posterior represión co brutal advento do xeneral Franco. A “Revolução dos Cravos”, coa caída do salazarismo e do chamado Estado Novo, instaurará unha etapa transitoria de nacionalización de empresas e de banca, así como de reparto de terras, e a posterior aprobación dunha Constitución.
Oitenta e tres anos van xa desde que a II República española se proclamara e as bandeiras tricolores se izaran en hastas e balcóns. Mais que foi daquel espírito? Acaso ficou algo del? Pouco foi este ano (ou en calquera dos precedentes) o espazo dedicado nos medios de comunicación ao respecto. Como se sabe, a guerra civil sobrevinda, sumada aos case corenta anos de ditadura, tiveron un efecto devastador na poboación en xeral. Coa chegada da democracia, lonxe de se facer unha sorte de proceso de igualación, o bando vencedor acabou por conseguir todos os seus propósitos, mesmo o de acalar e amordazar conciencias. A día de hoxe aínda se prohíbe, cunha cuestionábel lexislación na man, remover ese pasado próximo, tan necesario catarticamente, pero que só España é capaz de manter sepultado para pasmo dos mesmísimos observadores da ONU e da comunidade internacional. Os crimes de lesa humanidade, a brutal represión, os restos humanos en foxas por beiras de camiños e montes... permanecen nese limbo xurídico que tanto doe, sobre todo aos moitos parentes que aínda os reclaman.
Corenta anos correron desde que a “Revolução dos Cravos” trouxera consigo a caída do fascismo salazarista en Portugal. Tratouse dun proceso revolucionario totalmente incruento que botou abaixo a penúltima ditadura fascista de Europa; Franco aínda morrería ao ano seguinte e a última destas ditaduras con el. Moitos aínda ansían aquel espírito do período transitorio en Portugal, visto que o resultado posterior non chegou a producir os logros esperados a nivel social, pois ben ao contrario, colaborou a que actualmente a fenda entre ricos e pobres agrandase e se fixese máis profunda. Deste modo, tras unha brevísima etapa de certa bonanza económica e de ter xurdido unha substancial clase media, regrésase a unha situación prerrevolucionaria en que a tal clase social nin existía e a pobreza era xeneralizada en todo o territorio portugués. Non cabe dúbida que o ánimo revolucionario, talvez a esencia do que puido ser e non foi, é o que renace hoxe en todas e cada unha das manifestacións e actos civís que son celebrados, de aí o cuadraxésimo aniversario se converter nunha data chave.
Se cadra, o carácter sanguíneo que se nos apón, cando menos ao que se dá en chamar área mediterránea, poida estar en consonancia con que abril propiciase os dous importantes feitos aos que vimos de aludir. A tentativa de secularización polos gobernos de esquerda na etapa republicana española, así como as reformas agrarias ou a da institución militar resultaron fallidas, pese a tratarse dun proxecto ambicioso. A abolición da monarquía foi posíbel, mais con resultado exiguo, xa que duraría igual tempo que o que durou a República, unha vez o franquismo consentiu a institución monárquica dentro do seu seo e mesmo deixou estabelecido que o goberno sería presidido por un rei, neste caso Juan Carlos, tras a morte do ditador.
Os paralelismos entre España e Portugal son de notar. Nos anos trinta do séc. XX eramos países pouco industrializados, claramente agrarios e atrasados con relación á Europa occidental. As monarquías contentaban ás clases conservadoras enriquecidas, pero non a certa burguesía e ás clases populares, de aí o nacemento dos movementos republicanos. Senllos países safaron da II Guerra Mundial e foron depostos os réximes na década de 70. Mais hoxe, con todo, aínda existen paralelismos relevantes, como os altísimos índices de desemprego, os baixos salarios, a emigración, as empresas propias vendidas case na súa integridade ao capital transnacional, os inquietantes índices de pobreza... En suma, as alarmas comezan a ser difíciles de apagar, cando o colchón que as debera amortecer, o da clase media, se vai diluíndo, a favor dunha clase alta moito máis enriquecida, e a corrupción ser un mal endémico que lastra os nosos representantes políticos, pero tamén a casa real, tornando a desilusión e o escepticismo cidadán nun perigoso precedente, caso de calquera demagogo poder canalizar toda esa furia e desesperación e encamiñala a unha sorte de totalitarismo. Así que, se algo ha de ser, deamos por ben que poida selo en abril, garante sen dúbida dos mellores agoiros.

 

ACONTECEU CON ABRIL

Te puede interesar