Ferrol surrealista

Cadaquén disponibiliza as súas estratexias para poder abstraerse do cotián, daquilo que o abafa durante as moitas horas de traballo á semana que o ten ocupado. Haberá quen se refuxie no deporte ou noutras actividades de ocio, quen o faga na lectura e eventos culturais en xeral, quen trate, a través dos máis diversos encontros, de coidar de tan prezado ben como o da amizade. Porque o caso é que facemos canto nos for lícito por tentar romper coa monotonía do día a día, coa necesidade imperiosa dun receso dentro do que é a nosa actividade cotiá. 
Mais onde encaixa a realización de todas estas actividades no noso Ferrol? Descoiden,  chegaremos. Ferrol é tanto a miña cidade de nacenza, como de crianza e residencia, de modo que nada do que nela hai ou aconteza me pode ser alleo. Por tanto, quéroa e rexéitoa a partes iguais. Ferrol somos os ferroláns, coa nosa tan particular idiosincrasia, as máis das veces labrada a base de moitas labazadas; unha cidade que se foi configurando ao sabor dos pedidos nos estaleiros, con constantes crises cíclicas, alén de cos caprichos intrínsecos ao mundo da milicia. Así pois, todo o noso tecido social, tanto físico como psíquico, é consecuencia deste orbe dual. O noso barro está modelado de operarios da construción naval e de militares asociados ao mar, ambos constrinxidos so a tiranía do escalafón. Unha estraña e difícil simbiose que ten conformado verdadeiros compartimentos estancos, cuxo reflexo vemos na propia sociedade. 
Ferrol, cidade do interior con moitos quilómetros de costa. Non sei se palabras exactas, mais “se non è vero, è ben trovato”, pois gravámolas de tal xeito na memoria. Alusión preclara e atinada a respecto dese terríbel muro, antiestético e inacabábel que nos furta da visión do mar. O cal temos que ir procurar ao peirao de Curuxeiras, á Malata ou aos altos de Canido, a Caranza para o poder ver. Mais que resta daquel cumprido, “Illa dos enxeños do mar”, de que Frei Martiño Sarmiento falara no seu periplo pola nosa comarca, dado o moito de moderno e técnico que comezaba a despuntar na urbe dezaoitesca. Que é o que fica hoxe de todo aquilo? Cal é a marca distintiva que nos singulariza, o selo de modernidade? Nada ou pouco resta. Tan só a sombra do grandes que un día fomos. Fálese de sorte de Detroit, como alguén a ten chamado, ou Ferrolgrado se quixeren, pois razón non lle faltaba a unha nosa amiga alemá cando veu coñecela, recordándolle certas cidades do leste de Europa ou da extinta RDA. Mergúllense polos interiores do estacionamento subterráneo do Mercado da Magdalena, observen o desleixo, as pintadas, a pobre iluminación e aí, por exemplo, percibirán nitidamente este noso Ferrolgrado. 
Ferrol é o burato a perpetuidade, a obra inacabada, abandonada á súa sorte, a rúa cortada e cambiada de sentido, o adefesio da Praza de España, o sutil surrealismo de Recimil, a iluminación a ningunha parte da avenida dos Irmandiños e da Praza do Carbón. Ferrol é a horríbel praza de abastos zumegando humidade, unha rúa esfondada que semella o burato do inferno que algún día nos ha de tragar, o incógnito porto exterior e as súas vías de comunicación... Somos, en suma, a incríbel cidade minguante que esmorece como Ferrol Vello, como a deshabitada Magdalena. Nada muda para mellor e todo cunha indolencia que sorprende a tirios e troianos. Pregúntenlle a calquera ferrolán de prol para observaren como, sen ningún rubor, será o primeiro en falar mal da súa propia cidade. Os arredores, iso si, ben bonitos, tópico con que todos acabamos por coincidir, vista a evidencia. Pero que é o que realmente pasa coa nosa urbe? 
Non é fácil albiscar unha solución para unha cidade especializada nunha única industria de enclave, como é a construción naval. Nunha cidade que se esgota a pasos axigantados como a súa poboación, bioloxicamente envellecida, que se desangra, quer pola vía da emigración, quer pola lóxica ausencia de recambio xeracional. 
Asistimos resignados á desaparición paulatina de estabelecementos comerciais no centro, a unha apatía case conxénita daqueles que aínda sobrevivimos a todos estes embates e queremos continuar disfrutando de posibilidades de ocio, deportivas e culturais, cada vez máis limitadas. Por iso xulgamos ben importantes alternativas tan rompedoras como as dos itinerarios que se fixeran do “Ferrol rebelde. Un paseo por cen anos de historia obreira”. Ou ver como nun menos innovador “Tapéate 2017” —xa tan común a moitos outros lugares—, alguén é capaz de facer un petisco que leve por nome o enxeñoso ‘O soño de Aurora’, en alusión a Aurora Rodríguez Carballeira, mai de Hildegart. Unha madalena feita con corazón de marmelada de tomate, enrolado en tenreira galega e boletus da fraga, macerados en vermut de barril, alén de con cobertura de queixos da comarca, rúcula e noces. Un pinchacarneiro antropofáxico que combina a nosa fascinante historia local cunha gastronomía creativa. Que por aí, se cadra, estea o camiño. En ver como a Cátedra Jorge Juan sae dos muros do Arsenal para se abrir á sociedade. En posibilitarse unha fermosa exposición de vellos decorados no Jofre, auténticas obras de arte de autores de valía como Bello Piñeiro ou Díaz Baliño. Ou unha fascinante programación de cineconcertos, con excelentes filmes silentes e con música ao vivo. 
Quen sabe se o camiño a emprender estea aí. En ver como a creatividade é capaz de abrir novos vieiros, en revitalizar, en ilusionar a xente con fórmulas renovadoras que atraian, que capten a atención de propios e alleos, de xente que inxecte optimismo sen renunciar a que os nosos maiores poidan seguir facendo parte dunha mesma trama social. 
Un optimismo que, en definitiva, nos leve a saber rirnos de nós mesmos. Verbi gratia, o Land Rober Tunai Show emitido en setembro. Acaso existe a má publicidade? Pois benvinda sexa. Unha parodia do First Dates de Carlos Sobera en que X.A. Touriñán fixo do líder norcoreano, Kim Jong-un, nunha cita cunha muller, Eva Iglesias. “Así que líder supremo, eh? Nunca estiven en Corea”, di ela. “Non?”, responde el. “É bonito?”, volve ela. “Si. Coñeces Ferrol?”, engade el. Ela responde afirmativamente movendo a cabeza. Ao que acaba dicindo el: “Pois peor”.
 

Ferrol surrealista

Te puede interesar