NO DIÁLOGO ESTÁ A CHAVE DAS NOCES

Xa no ano 2002 no libro-poemario “Voz” –título breve e espido, sen adornos pois a voz, a palabra, o entendemento e a solidariedade non precisan doutras vestimentas, sempre e cando sirvan para unir os sentimentos e solucionar as necesidades do pobo– falaba eu da voz somnámbula, da voz de desacougos e soños, da contraditoria oposta á nosa, da solidaria, da do coñecemento e da do querer saber. 
Tamén da voz do respecto e da lealdade e daquelas que intentan encontrar o regazo común da irmandade, para que xuntos, voces de persoas de tódalas e crenzas, remando no infinito mar dos incognitos e das incoherencias –todos na mesma dirección– alcancemos unha ría calma e sosegada, cantando louvanzas a nai que nos pariu e amamantou, ao berce que nos viu nacer, se puider ser, tamén ao Amor, pero nunca á voz nin á palabra do silencio, nin á boca que serve para comer a conta dos outros, mentir, criticar e dicir parvadas. 
Dicía don Miguel de Cervantes que, “más vale una palabra a tiempo que cien a destiempo”. A palabra non ten nunca que abrir xanelas de odio, nin tampouco pechar portas de entendemento, nin desviar camiños de concordia. 
A voz, a palabra son coma un novelo de fío do que hai que ir tirando con moito tento para despertar conciencias durmidas e chegar a feitos, en beneficio de toda a sociedade. A palabra é unha ferramenta necesaria que serve tamén para unir, anque algúns e algunhas non o crean. 
A partir da palabra e do debate cordial ou non tanto entre persoas civilizadas debe chegarse ao entendemento. Voz e palabra deben prevalecer por enriba das inxustizas e das armas. 
Non hai palabras máis sabias que as do pobo. As palabras nunca deben ser clandestinas, perseguidas, marxinadas, nin teren que fuxir na procura de exilio. Chegará un día en que só con palabras abonde para nos decatar que somos animais racionais. Humanos. Non só na partida de nacemento e no D.N.I…
As leas para o envestimento de presidente do Goberno de España, cando a obriga era chegar a un pacto racional, e non como fixeron mareala perdiz, non solucionou nada, só perder o tempo, conseguiron collerse máis xenreira da que xa se tiñan, repartir insultos a destra e sinistra, tirar proveito das cuñas publicitarias nos medios de información presentando ao venerable pobo as bondades do programa propio e as maldades dos outros, sen chegaren a entendemento, deixándonos cansos con cínicas palabras, navalladas traidoras que a nada positivo levan para que ao final da obra, pechalo pano do escenario cun precociñado bico que se de algo serviu foi para levar a envexa a algunhas das persoas alí presentes nas bancadas do Congreso. 
Oxalá non sexa o bico de Xudas, xa que dos outros, dos de amizade e amor carecemos cantidade. Tantos erros nos candidatos fai pensar que non eleximos tan ben, ou que están de momento en fase experimental, de ensaio da obra e que lles queda moito que aprender a convivir no escenario político.
O malo é que sempre dos platos rotos e a sopa caída no chan somos deudores os de sempre, os sufridos parados, os traballadores zorregados pola crise e pola reforma laboral que arrasa familias enteiras, namentres o Gran Capital medra conciencia durmida e o “goberno en funcións”, frotándose as mans, agarda a que caia o maná do ceo. 
Rematen a empanada mental. Escoiten a voz do pobo, ou é que non entenderon a mensaxe. Deixen o egoísmo persoal ou de partido, ese non é o camiño. 
Saúdense. Dense a man mirándose á cara (incluso os animais se miran). “Porfa”, non nos cabreen máis do que estamos. Acheguen propostas firmes e claras. Non mintan tanto (un pouco puidera ser aceptado), pero é que se pasan varias ducias de estacións e xa ninguén os cre.
Deixen perrenchas de nenos. Non sexan tan irresponsables que nos leven ao fracaso político por cabezóns e a recuncar noutras eleccións que tampouco servirían de moito, a non ser para gastar outros 130 millóns, ou o que cadre.
Debatan. Falen coa sensata voz da prudencia e as sabias palabras do razoamento. Enténdanse. Cheguen a un acordo de goberno polo ben de todos…Non, non estou tolo, anque fale só cos fantasmas da noite e ningún me escoite. 
Todo é discutible.
Incluso o indiscutible.
 

NO DIÁLOGO ESTÁ A CHAVE DAS NOCES

Te puede interesar