Vaia outra de apelidos

Tiña rematada esta columna dominical sobre outro tema –o do código de regalos do presidente Núñez Feijóo– cando onte pola mañá lin, cos ollos como pratos, o que, so o título “Oito apelidos galegos”, escribía na súa columna sabatina Manuel Bustabad. E, aínda que sempre procuro fuxir da polémica con columnistas deste medio, sentinme na obriga de falar sobre este tema. Como non a vin –é posible que vaia vela nos próximos días para poder falar dela con propiedade– non podo dar a miña opinión sobre se a película sobre os vascos de Martínez Lázaro paga tanto a pena como para que acudan ás salas de cine tantas persoas. Mais, por non saírmos das páxinas deste noso Diario, lin o que opinaba dela Ángel Luis Sucasas e percibín que non debe ser aló moita cousa. En calquera caso, todo apunta a que ten un aquel de divertimento. Mais vaiamos ó dos apelidos. Di Bustabad  no final do seu artigo que o “auténticamente absurdo es negar la historia común que todos los hispanos peninsulares llevamos en nuestros apellidos desde hace casi dos mil años”, tallante afirmación que habería que matizar moito. Semella máis que, como mínimo, esaxerado falar de dous mil anos de historia común de tódolos hispanos peninsulares. Mírese como ou por onde se mire iso non é certo. Antes de máis nada habería que aclarar o que entendemos por hispánicos peninsulares. Para min os hispánicos son antes de máis nada os habitantes dun territorio que os romanos denominaron Hispania, isto é a península ibérica toda. Portugal incluído, naturalmente. Mais a romanización non foi nin moito menos homoxénea. Mesmo ás terras vascongadas apenas chegou e por iso o eusquera nada ten que ver co latín, máis ou menos parecido, que se empezou a falar no resto do territorio peninsular. O latín que, esquematizando, se continuou utilizando ata hoxe en diferentes versións: galego-portuguesa, castelá-leonesa-andaluza e catalana-valenciana-balear. O euskera, como xa dixen, é outra historia que non ten nada que ver con esta da latinidade. Os nosos apelidos tampouco teñen dous mil anos de historia común. Aqueles apelidos hoxe tan comúns acabados en –ez, -es, -iz, -is engadidos a nomes propios son de orixe xermánica, como o son grande parte dos propios nomes ós que acompañan para indicar a procedencia de quén se ven sendo. Eses nomes, en boa lóxica, non existían na península antes do asentamento dos diferentes pobos xermánicos, entre eles os godos, que acabaron por dominar os outros. E os primeiros asentamentos na Hispania dos chamados pobos bárbaros non foron, como é sabido, hai dous mil anos, nin de lonxe. Rodriguez non quere dicir outra cousa que “de Rodrigo”, fillo de Rodrigo, como o excelso guitarrista, recentemente falecido, Paco de Lucía, era fillo de Lucía (a portuguesa), se ben neste caso esteamos perante un nome artístico e non dun apelido oficial. Pero si temos apelidos, máis tardíos que os en –ez, formados ó xeito romance que denota nesta orixe: de Pedro, de Paula, de Miguel, de Lucas... E todo isto dáse en toda a península, non é exclusivo de casteláns, galegos ou portugueses, que, por outra parte, nesa altura non era para nada unha nación ou reino independente. E volvendo ós apelidos xermánicos digamos que os portugueses ata tempos recentes escribían con –z final estes apelidos. Sánchez, fillo de Sancho; Álvarez, fillo de Álvaro; González, fillo de Gonzalo, López, fillo de Lopo. E Sancho, Álvaro, Gonzalo ou Lopo como nomes propios andan do mesmo xeito por todo lugar. Martínez, Miguélez ou Vázquez, por poñer algún exemplo, si se diferencian porque galego e portugués perden –L- e –N- intervocálicos, fenómeno que non se dá no castelán. Miguel+ez dá Miguélez en español e Miguez en galego; en galego e portugués é Vasco o que en castelán é Velasco, por iso os apelidos derivados son Vázquez e Velázquez, respectivamente, e Martín+es/ez acaba sendo Martíns en galego e Martínez en español. En Chile, Arxentina, Cuba ou Uruguai hai moitos Rodríguez, López, Fernández... que non apareceron espontaneamente neses territorios. Poderiamos dicirlles que non foron colonizados porque apelidos hispanoxermánicos? Mais iso é outro conto que xa non entra aquí.

 

Vaia outra de apelidos

Te puede interesar