Uns avós no parque

cando a un colócanlle os galóns de avó non lle están a outorgar a categoría de ancián, senil ou devanceiro -coñecín a avós con corenta e poucos anos- senón que nesta situación adequerimos un estatus especial que fai medrar a sensibilidade, que acrecenta as emocións  e que nos fai revivir aquelas sensacións de cando naceron os nosos fillos, pero doutro xeito. Sempre pensei que esta debe ser a maneira de achegármonos á inmortalidade, primeiro cos nosos fillos e agora cos netos. Desaparecemos, pero a nosa herdade biolóxica segue aí, camiñando polo tempo ao lombo do ADN. Nin que decir ten que os nosos netos son arestora a alegría da nosa vida e que estamos gozando da situación ao máximo, sentindo como crece a nosa capacidade afectiva sustentada no amor a eses dous “tolos baixiños” que nos enamoran día a día coas súas cousas. Ao maior, de tres anos , mañá tócalle  ir ao cole a unha idade penso que prematura. Éche o que hai. A Dani e a Sariña gústalles ir ao parque a darlle pan aos “paviños” , iso o primeiro, e logo a el encántalle xogar cos aparellos  que teñen a auga coma leit motive e xa vai directo cara a eles invitándome a que eu participe.  Xa sabe como funcionan e para que serven, pero nesta visita quedou decepcionado e xa que logo os avós tamén: case non funcionaba ningún e o parque semellaba tristeiro: ata os pavos  non se pavoneaban como de costume. Era como se a tristura se apropiase do recinto poñendo en evidencia o estado decadente  deste lugar de esparcemento.  Ben mirado, isto non resulta extraño pois a cidade transmite a mesma imaxe, como sumida nun letargo melancólico do que lle resulta ben complicado saír.  Cando deixabamos o parque logo de que os pavos deran boa conta do pan e o noso neto vise frustrada a súa intención de manobrar nos aparellos acuáticos,  demos con dous traballadores que estaban en tarefas de limpeza aos que preguntamos a causa do desleixo que saltaba á vista. Moi correctos piropearon aós netos, sorriron, encolléronse de hombros  e dixeron que eles se limitaban a facer labores de limpeza e que preferían non facer comentarios ao respecto.  Entendín perfectamente : cuns orzamentos  municipais subrogados do 2015 resulta un milagre que as cousas funcionen . A concellalía de Parques e Xardíns andará coas mans atadas,si, pero algo habería que facer co parque e a cidade. Entrementes o que agora me preocupa é como trascorrerá o primeiro día de colexio do meu neto. Inquietude de avó, dirán vostedes. Pois si.
 

Uns avós no parque

Te puede interesar