Son dous músicos que viven case cun século de diferenza pero poden convivir ao unísono nun concerto malia ter ámbolos dous maneiras de facer diferentes. Haydn cunha vida más longa e prolífera que Bizet foi considerado o pai da sinfonía e abofé que esta definición lle ven que nin pintada pois forma parte do chamado clasicismo puro xunto con Mozart e Beethoven, nos que influíu notablemente no xeito de compoñer, tanto que o seu método se mantivo vixente ata ben entrado o século XX. A fórmula consistía no desenrolo de dous temas melódicos ao que seguía outro lento, logo un minueto e un rondó a xeito conclusivo: é dicir a sinfonía en catro tempos. No formato de concerto Haydn ten obras magníficas como o Concerto para violonchelo en do maior que escoitamos o pasado xoves á Orquestra Sinfónica de Galicia e ao solista Jan-Erik Gustafsson baixo a dirección de Josep Pons no Auditorio da cidade. Este concerto foi composto entre 1761 e 1765 para o chelista Joseph Weigl que tocaba na orquestra dirixida por Haydn e segundo refiren as crónicas a partitura estaba perdida ata que apareceu no Museo de Praga no ano 1961. Evidentemente Haydn escribiu este concerto para un virtuoso, sen concesións de ningún tipo ao solista que ten que amosar toda a súa solvencia interpretativa para saír ben parado do empeño, e neste caso Jan-Erik Gustafsson estivo á altura das circunstancias con nidios fraseos e cunha sensibilidade interpretativa fora de toda dúbida arroupado polo bo facer, e isto xa non é noticia, da OSG que na segunda parte obsequiou ao público coa Suite de Carmen, quizais a composición de Georges Bizet máis aplaudida. A crítica en liñas xerais non se portou moi ben co compositor francés, desaparecido con 37 anos. Foi a ópera Carmen a súa obra cumio, máis aínda, a obra cumio do teatro lírico galo que, dito sexa de paso tivo unha estrea controvertida na que algúns viron a morte prematura do compositor. A min gustoume a interpretación da OSG e os orixinais arranxos de Rodión Shchedrín nos que aparecen importantes concesións á percusión, e si pola miña parte houbera que lle poñer unha pega, eu apuntaría á famosa Marcha dos Toureiros na que na versión orixinal a orquestra amosa a súa máxima potencialidade sonora e que aquí Shchedrín reduce ao xilofón como elemento melódico de percusión, dándolle, si, certa orixinalidade, pero baixo o meu punto de vista, restándolle clímax sonoro á partitura. Pero estas cousas son sempre subxectivas porque dependen do gusto de quen as escoita e xa que logo non é doado manter unanimidade de criterios. Nisto da música non é tanto cuestión de erudición, que tamén, e si da sensibilidade que un manifeste diante dun aluvión de notas que penetran polos ouvidos enchéndote de sensacións, diferentes afortunadamente, ás de outras persoas. Non me sinto capacitado moralmente a criticar a un intérprete malia recoñecer que uns o fan mellor que outros. Sento un gran respecto por todo aquel que sube a un escenario a facer o seu traballo e no caso dun solista admiro a capacidade de interpretación e concentración que necesita para abordar de memoria un concerto. No caso que nos ocupa creo que Jan-Erik Gustafsson é un gran chelista e a OSG unha gran orquestra, así que todo se conxugaba para que a velada fose perfecta, como así foi, polo tanto so cabe felicitar a Sociedade Filharmónica de Ferrol unha vez máis pola elección do concerto.