No Cumio das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Sostible de 2015, os Estados Membros aprobaron a Axenda 2030 e en decembro do ano seguinte a Nova Axenda Urbana, resultado dos debates que tiveran lugar na Conferencia das Nacións Unidas sobre a Vivenda e o Desenvolvemento Sostible (Hábitat III) celebrada en Quito.
Apenas un ano despois, en febreiro de 2019, o Goberno aproba a Axenda Urbana Española, que conforma o marco estratéxico que establece as accións concretas para dar cumplimento a estes acordos, nomeadamente o obxectivo de “Procurar cidades e asentamentos humanos inclusivos, seguros, resilentes e sostibles”.
Entre as medidas a implementar figuran a ordenación do territorio procurando a súa conservación e protección, a conservación e mellora do patrimonio natural e cultural ou a xestión sostible dos recursos favorecendo a economía circular.
Incide asemade na prevención e minoración dos impactos que o cambio climático está xa a producir nos hábitats, para o que será preciso adaptar o modelo territorial á nova situación como o incremento do nivel do mar e a virulencia dos fenómenos atmosféricos, así como continuar coa reducción de gases e a pegada de CO2.
Algunhas das medidas previstas xa se estaban a implementar nos proxectos arquitectónicos dende hai varios anos, como a mellora da eficiencia enerxética dos edificios ou a reducción de consumos de auga e refugallos, incidindo no seu tratamento e favorecendo a súa reciclaxe.
Especial repercusión no noso país terá o obxectivo de evitar a dispersión urbana, xa que a axenda promove un modelo de cidade compacta, centrándose na súa revitalización apoiada por unha rede de transportes sostibles.
A implementación da Axenda Urbana suporá un reto para os concellos situados en ambalasdúas beiras da ria formada polo Xuvia e Belelle.
Acada-los seus obxectivos e facer fronte aos riscos medioambientáis e sanitarios precisará da cooperación e coordinación intermunicipal, tanto dos servizos, garantindo economías de escala, como dos planeamentos, procurando complementariedades.
Pode ser o momento de recuperar un ente supramunicipal que coordine planeamentos, servizos e políticas e permita desenvolver un modelo endóxeno de planificación e xestión mancomunada de recursos baseado nos obxectivos propostos na Axenda 2030.
Con este obxecto, a Delegación de Ferrol do Colexio de Arquitectos sempre estará en disposición de colaborar para a súa implementación e mellora
O autor é arquitecto.