Imaxe dun iceberg tóxico

|

Unha imaxe val máis que mil palabras, afirma a sabedoría popular. Certo é, aínda máis neste tempo de novas tecnoloxías da comunicación e das relacións no mundo da internet. Nese ámbito da rede virtual foi facendo corpo viral unha foto dun gráfico mexicano que resultou gañadora da afamada Bienal do Cartel de Bolivia do pasado ano. Forte metáfora do desastre medioambiental que representa o vertido letal de residuos plásticos ao mar, expresada nunha composición na que  unha simple bolsa plástica branca de uso habitual conforma a potente imaxe dun iceberg, no que a súa punta é unha moi cativa parte do lado superior esquerdo da bolsa ficando o resto asolagado debaixo da auga. É portada mensual da revista National Greographic. Seria mensaxe de alerta.
Se non fose dabondo esta foto do deseñador Xurxo Gamboa, reforzada por un titular que nos indica que configurando “un mar de plásticos”, oito millóns de toneladas rematan no océano cada ano e iso é só a punta do iceberg; outras diferentes fotos dan fe dunha situación que semellar tirada dunha película de arrepiante terror apocalíptico, porén é constatación da situación na que está a degradarse de xeito irreversíbel o medio mariño: Unha tartaruga atrapada dentro dunhas redes de pesca, sen poder ceibarse, abocada á morte; un león mariño tragando un cebo de pesca que lle provocará unha ferida sangrante ou un cabaliño de mar agarrado a un pequeno pau que utilizamos para limpar as orellas. Crúa realidade da situación actual. No se pode ollar de esguello. 
Precísase concienciación medioambiental e políticas de xestión para enfrontar o incremento descontrolado do material producido pola industrial do plástico que, medio século atrás, apenas representaban dous millóns de toneladas e agora xa son máis de trescentos; e, peor aínda, millóns deles non pasan por unha planta de reciclaxe. Grave risco para a saúde humana.
Así e todo, os creadores de opinión pública poñen foco noutros episodios de baixa toxicidade froito da variada expresión do ecosistema natural. Velaí a impresión creada pola presenza dun organismo mariño, nomeado “carabela portuguesa”, unha falsa medusa que ten alporizada á industria turística do Mediterráneo. O mito propagado sobre da súa velenosa picadura produce un certo terror entre os bañistas. Mais da súa eliminación fanse cargo outros depredadores, caso do peixe lúa ou do polbo manta. Os plásticos non degradan no mar ata pasar medio milleiro de anos.

Imaxe dun iceberg tóxico