Guapas e guapos

Que maior fermosura
que a felicidade?
No están los dulces pasteles / ni la esencia de tus mieles / entre los menús del viejo. / Pero, por favor!! Dejadme oler su sabor. Humildemente, a Don Miguel de Cervantes no CCCC aniversario do seu falecemento. 
Rematou maio romántico na Nosa Terra, aínda que para os soñadores, soñadoras e persoas sentimentais case que todas as cousas boas e lindas animan ó romanticismo en calquera época do ano. 
Máis agora cando as flores agroman nas campeiras e os verdecentes prados locen traxes das cores do arcodavella. Guapas, gritei mesmo antonte mirando as rosas rosas, brancas, amárelas e granates que a miña veciña Rosa María cultiva con moito amor e saber no xardín da súa casa. 
Din –aínda que dinse tantas cousas que non son verdade– que a primavera o sangue altera, aínda que a min a que me alterou foi esta de tanta chuvia xa que teño que segar a horta con máis frecuencia. Estou preparándome para ir ás Olimpiadas a Brasil. Teño uns bíceps que chaman a atención dende lonxe. Non tanto dende cerca. 
Fai poucos días, nunha cafetería da vila despedín dunhas rapazas entre as que se encontraban amigas, coñecidas e unha que coido nunca vira ata daquela, cun “ata logo, ata vernos, guapas”.
Dúas, facendo alarde do seu manexo de idiomas contestaron con un ciao - ciao, que tanto se leva por aquí; outras con un “adeus Xoán”, pero outra, aquela que eu nunca vira ata aquel mesmo día, miróume sen dicir palabra con cara de poucos amigos, case de noxo, amenazadora. Xa digo, nin pío, como se vira a un político que lle acababa de pedir o voto para o 26 J.
Ó seguinte día falando cunha das amigas coas que tomei o café, díxome que á rapaza enfadada non lle gustaba que lle fixeran afagos, nin que lle botaran piropos, que era moi en por si. 
E eu que o sinto moito, xa que querendo ser galante, cortés e ben educado puidera ferir a sensibilidade e o sentir daquela rapaza, á que dende aquí, “La ventana” de Diario de Ferrol, que dísque le todos os días, pido perdón; vamos, que non volverá pasar.
Teño a costume, os meus anos difícil de perder. Creo non obrar mal ó saudar e despedir ás mulleres coñecidas con un “ola!, ou un adeus guapas”, con todo o respecto e consideración debidos, sen ánimo algún de provocar. Como se pode provocar ou incitar a enfado con un respectuoso adxectivo calificativo de “guapa ou guapo”.
A dicir verdade nunca pensai, nin penso, que tan afable e fermoso saúdo poida sentar mal a persoa algunha. Outra cousa sería ser grosero, bocalán, malfalado, ordinario, provocador que busca intereses lascivos.
A cortesía e a boa educación hai que utilizalas en todo momento. Dicía o dramaturgo e poeta alemán Bertold Brecht que, “hoxe en realidade, á causa dos tratos de cortesía, a relación das persoas entre sí son máis afectuosas”. 
Por culpa deste “entropiezo” co que non contaba, pero intento comprender e por suposto respecto, non vou deixar de empregar o vocábulo fermoso e digno de “guapa”, sexa flor, paisaxe, escultura, ou muller. Por suposto, sen facer comparacións.
A boa educación e a galantería en nada se asemella coa grosería, coa falla de respecto a persoas de diferente idade, raza, ideoloxía, ou sexo. Repito, perdón á rapaza que se sentíu, parece ser, incómoda co meu saúdo de despedida. Saiba que, posiblemente, nunca lle volva a dicir “guapa”, pero tampouco “fea”.
É primavera, quedan poucos días e hai que aproveitalos xa que semella animan  meu corazón a bombear máis sangue polas arterias latexando animado, dando algún que outro acelerón, alentándome a ceibar pola gorxa un aturuxo emocional que chegue a todos os corazóns sensibles, como chegan os bicos de nai, e os bicos da adolescencia e os bicos de todos os períodos da vida das persoas.
Un berro aturuxo chamada que vaia dende a mariña á montaña e que a voz do eco traslade a miña mensaxe ata o confín do país, a ver se chegara ós políticos apáticos, que agardan os votos como auga de maio en xuño: “Guapas, guapos”. Todas e todos. Aínda que temos que mellorar moito o perfil humano.

Guapas e guapos

Te puede interesar