Quinquenio

Parece que foi onte, pero xa van aló cinco anos desque comecei a miña colaboración neste xornal. Foi todo un lustro enviando a miña modesta opinión, unha ou dúas veces por semana. Nun principio tiven moitas dúbidas de se os meus comentarios ían estar ao nivel requirido; sigo tendo esas dúbidas, pero menos, pois segundo entendo agora, non se agarda de min unha grande calidade literaria, senón a opinión sinxela e sempre respectuosa dun home da rúa. Porque iso son en realidade, un home da rúa sen máis títulos e coñecementos que os acadados tropezando nas pedras do camiño da vida. Coido que desde entón algo mellorei, non só na miña escrita, senón tamén como persoa, exercendo unha autocensura que, obrigado pola responsabilidade de participar nun foro de opinión como o noso Diario de Ferrol, impediume tocar algún tema de interese persoal. Pois ben, agora conto cun quinquenio que nunca pensei acadar. Grazas a este xornal e aos que teñan a paciencia de lerme. 

Quinquenio

Te puede interesar